A Comisión de Centro do CHUAC alerta dun colapso 'grave e sostido' en Urxencias e pide medidas estruturais

ACoruñaXa
A representación do persoal asegura que a saturación xa se estende ao conxunto do hospital e reclama reforzar de inmediato a Atención Primaria, aumentar camas e dimensionar os cadros de persoal
A CORUÑA carteis chuac
13 Jan 2026

A Comisión de Centro do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) denunciou este martes 13 de xaneiro unha situación de colapso 'grave e sostido' no servizo de Urxencias, que (segundo sostén) xa está a afectar ao conxunto do complexo e compromete a calidade asistencial e a seguridade das e dos pacientes. O órgano de representación do persoal atribúe o escenario á falta de capacidade da xerencia e do SERGAS para responder á demanda actual e reclama medidas inmediatas e tamén de fondo.

A Comisión insiste en que non se trata dun episodio puntual, senón dunha problemática estrutural que relaciona, especialmente, co debilitamento da Atención Primaria. Na súa análise, a falta de recursos neste primeiro nivel asistencial acaba trasladando presión aos PAC e ás urxencias hospitalarias, agravando a saturación.

No caso do CHUAC, detallan que a sobrecarga se traduce na ausencia de camas dispoñibles para ingresos, na saturación continuada de Urxencias e na aplicación de solucións excepcionais que consideran insuficientes, como o peche da unidade de trauma para ingresar pacientes procedentes de Urxencias. Advirten de que este tipo de decisións non resolven o problema de base e espallan a tensión a outras áreas asistenciais.

A situación, engaden, repercute tamén nas condicións laborais do persoal, que (segundo a Comisión) traballa con cadros insuficientes e baixo unha presión física e emocional crecente, ao tempo que se mantén unha asistencia en condicións que cualifican de impropias dun hospital público de referencia.

Ante este escenario, reclaman 'deixar de aplicar parches' e activar un paquete de medidas urxentes e estruturais que inclúan o reforzo inmediato da Atención Primaria, o incremento das camas de hospitalización e a dotación de persoal suficiente en todas as categorías.

Pola súa banda, a Consellaría de Sanidade enmarcou a presión asistencial no impacto dos virus respiratorios e asegura que a situación está 'controlada', coa planificación de continxencia en marcha. A xerencia da área sanitaria da Coruña e Cee recoñece unha afluencia elevada a Urxencias, aínda que a considera acorde a esta época do ano e defende que o plan de inverno está activado para adaptar a organización aos picos de demanda.

⚙ Configurar cookies
0.077862977981567