A comisión Coruña Marítima prevé sacar a licitación a redacción do Máster Plan durante o mes de maio

O equipo técnico que traballa no desenvolvemento do proxecto Coruña Marítima ultima estes días os pregos técnicos que rexerán a licitación do Máster Plan para a transformación dos espazos portuarios e ferroviarios da Coruña.
A comisión Coruña Marítima, presidida pola alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e na que están representadas as seis administracións que teñen competencias no ámbito (Concello da Coruña, Xunta de Galicia, Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, Puertos del Estado, ADIF e Autoridade Portuaria da Coruña), ademais dos grupos políticos municipais, parte dunha formulación ambiciosa, ao considerarse que é unha grande oportunidade para mellorar do porto e da cidade. Así, o Máster Plan deberá analizar toda a zona de servizo do porto, desde o dique de abrigo ata o peirao de Oza, con criterios de excelencia e sustentabilidade.
Prevese que a licitación se leve a cabo durante este mes de maio, con anuncios públicos no Diario Oficial da Unión Europea e na plataforma de contratación do Estado. Poderanse presentar todas e todos os profesionais e empresas que estean interesados, que deberán cumprir os requisitos de solvencia económica establecidos pola Lei de contratos do sector público, como sucede en todos estes procedementos, e acreditar unha experiencia nesta clase de traballos técnicos.
Para garantir a calidade das ofertas, esixirase que os licitadores teñan experiencia en traballos de natureza similar ao Máster Plan do porto, como poden ser a redacción de plans directores, plans xerais de ordenación urbana ou plans especiais de transformación noutras contornas cidadás, cunha superficie mínima de 25 hectáreas ou, en contornas porto-cidade cunha superficie mínima de 10 hectáreas. Tamén deben adscribir un equipo técnico multidisciplinar, con experiencia en urbanismo, paisaxismo, arquitectura, portos, ferrocarrís, mobilidade, hidroloxía ou medio ambiente, ademais dos ámbitos lexislativos e económicos.
Entre todas as proposicións, seleccionaranse cinco candidatos/as mediante unha serie de criterios obxectivos, entre os que figuran a experiencia da empresa, o currículo do equipo nos campos de urbanismo, paisaxismo, arquitectura e enxeñería, e os premios obtidos polas empresas ou polo equipo proposto.
Cada unha das cinco candidaturas seleccionadas recibirá unha prima de 80.000 euros por preparar a súa proposta, cun prazo de cinco meses. Para iso, daráselles acceso á documentación necesaria, incluíndo as bases estratéxicas e os acordos estratéxicos do proxecto, así como o resultado do proceso de participación cidadá.
Este proceso, cuxas conclusións se presentaron nun acto público o 9 de maio, serviu para mellorar as bases e obxectivos iniciais. Reforzáronse conceptos como a mobilidade metropolitana, as áreas verdes, a captación de actividades económicas ou a potenciación da actividade portuaria, e foron referendados pola sociedade os acordos da comisión Coruña Marítima, como son a sustentabilidade de toda a intervención, o uso da lámina de auga, a introdución de usos mixtos na área de San Diego ou a construción de equipamentos de cidade.
De análise das cinco candidaturas, adxudicaráselle o Máster Plan ao equipo mellor valorado, con criterios obxectivos que avaliarán a calidade técnica da proposta, a súa funcionalidade, os aspectos ambientais e os aspectos económicos.
O prazo estimado para seleccionar o adxudicatario estímase en 12 meses, polo que o concurso estará resolto sobre maio-xuño de 2026. A partir de aí, a empresa gañadora terá un prazo dun ano para presentar o Máster Plan. O orzamento para elaboralo é de 2,6 millóns de euros e incluirá a redacción de diferentes documentos complementarios, entre eles a nova Delimitación de espazos e usos portuarios, a modificación do Plan xeral de ordenación urbana, informes ambientais ou o establecemento de requirimentos para o deseño dun edificio singular que caracterice a intervención. En todo caso, o Máster Plan debe ser innovador e flexible, con distintos escenarios de desenvolvemento a medio e longo prazo, dado o alcance do traballo, a súa complexidade e a necesidade de adaptación ás necesidades do porto e da cidade.