A comida solidaria da AECC en Ordes reúne máis de 400 persoas e supera os 2.000 euros para investigación

Máis de 400 veciños e veciñas participaron na comida solidaria organizada pola Asociación Española contra o Cancro en Ordes, un encontro que serviu para recadar algo máis de 2.000 euros que se destinarán a proxectos de investigación oncolóxica. A xornada desenvolveuse no pavillón Castelao II e enmarcouse nos actos polo Día contra o Cancro de Mama.
O evento contou coa presenza dos alcaldes de Ordes e Frades, José Luis Martínez Sanjurjo e Roberto Rey, ademais de representantes da corporación municipal. Tamén asistiu o presidente de MACOGA, Mario Concheiro, acompañado da súa dona, arroupando unha iniciativa que amosou, unha vez máis, a forte implicación social do municipio.
A celebración completouse co tradicional sorteo de agasallos doados polo tecido comercial ordense e coa actuación musical de Marcos Manteiga após as sobremesas, poñendo o broche festivo a unha cita solidaria que volveu sumar comunidade, visibilidade e recursos para a loita contra o cancro.