A CIG pide a CCOO unha fronte común para reabrir a negociación do convenio do autobús

A negociación do convenio provincial do transporte de viaxeiros por estrada continúa en punto morto e coa ameaza dunha nova escalada do conflito. A CIG fixo público un chamamento a CCOO para que, tras rexeitar a última versión do texto presentada pola patronal, se sente a negociar un novo acordo que deixe atrás o preacordo xa derrotado en referendo.
Segundo explica a central sindical, a súa proposta non é nova. Asegura que xa o 12 de febreiro solicitou unha reunión a CCOO para explorar unha alternativa conxunta baseada na plataforma unitaria e que, de prosperar, permitiría concentrar o 63% de respaldo na mesa negociadora. A CIG di que reiterou este ofrecemento por escrito antes da seguinte reunión de mediación prevista para esta semana, aínda sen data confirmada.
O movemento chega despois de que CCOO comunicase que non asinará o convenio tal e como quedou na última proposta, ao considerar insuficientes cuestións como a definición do cadro de xornada, a inclusión dun día de asuntos propios ou unha mellora salarial máis ambiciosa.
No centro da disputa está tamén o chamado convenio de eficacia limitada que UGT asinou coa patronal, unha vía que permitiría adherirse de maneira voluntaria ao texto. UGT defende que se trata dun convenio extraestatutario aplicable a quen o acepte e destaca, entre outras medidas, a fixación da xornada anual en 1.800 horas no marco 2025-2026.
A CIG, pola súa banda, cualifica esta fórmula como unha manobra para intentar impoñer desde a minoría un acordo rexeitado polo sector e sostén que a negociación aínda non rematou mentres non se peche oficialmente a mediación. A central tamén advirte de que ve ‘dubidosa legalidade’ no proceso e reclama a maior ‘contestación posíbel’.
A tensión vén de atrás. O pasado domingo 23 de febreiro, centos de traballadores manifestáronse en Santiago para pedir que se respecte o resultado das votacións e para reclamar un ‘convenio digno’, tras un referendo celebrado o 4 de febreiro no que o preacordo foi rexeitado polo 70% do persoal, segundo a CIG.
Con este escenario, tanto CIG como CCOO manteñen a folga suspendida para facilitar o diálogo, pero sen desconvocala, e non descartan retomar os paros se non hai avances nas próximas reunións.