A CIG encérrase na sede da CEC na Coruña para forzar o desbloqueo do convenio do bus interurbano

ACoruñaXa
Unha vintena de delegados, co secretario xeral Paulo Carril, denuncia que a patronal segue sen responder á última proposta na mediación e advirte dunha negociación 'paralizada'
A CORUÑA folga buses encerro patronal
18 Feb 2026

Un grupo dunha vintena de representantes da CIG iniciou este mércores un encerro nas oficinas da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), na praza de Luís Seoane, para denunciar o que cualifican de bloqueo na negociación do convenio do transporte de viaxeiros por estrada na provincia. Entre as persoas pechadas atópase o secretario xeral do sindicato, Paulo Carril, e no interior despregaron unha pancarta co lema 'Non ao bloqueo da negociación. Convenio xa'.

A central sindical xustifica a acción no que ocorreu na última reunión de mediación, celebrada o 12 de febreiro. Segundo a CIG, daquela quedou acordado que a representación empresarial trasladaría unha resposta nun prazo de 24 horas á proposta presentada por CCOO, pero (case unha semana despois) esa contestación non chegou e o proceso segue sen calendario. O sindicato acusa á patronal de dilatar as conversas e actuar con 'mala fe'.

O conflito arrástrase desde hai semanas e chega marcado pola fractura da unidade sindical. O preacordo asinado en anteriores encontros por UGT e CCOO foi rexeitado en votación pola maioría do persoal, con 831 votos en contra fronte a 336 a favor (un 70% de ‘non’, segundo a CIG).

Mentres a CIG insiste en que non se pode pechar un texto sen avances ‘substanciais’, a parte empresarial defende que o preacordo incorporaba melloras salariais e de condicións, e atribúe o rexeitamento á 'desinformación' e a interpretacións erróneas, segundo trasladaron as asociacións empresariais do sector.

A presión sindical prodúcese despois de que a CIG suspendese a folga indefinida tras unha reunión no Consello Galego de Relacións Laborais, á espera de que se reconduza a negociación e de que CCOO fixe a súa posición definitiva sobre o acordo.

⚙ Configurar cookies
0.081573963165283