A CIG chama a mobilizarse na Coruña polo Día da Clase Obreira Galega

ACoruñaXa
O 10 de marzo desde o sindicato chaman a loitar por frear o "retroceso e precariedade" no plano laboral
2025_03_10_10M_Mobilizacions_001-5aaf0391
6 Mar 2025

A CIG convoca mobilizacións polas distintas comarcas galegas polo 10 de marzo que é o Día da Clase Obreira Galega. O obxectivo é reivindicar "traballo, igualdade e salarios dignos nunha Galiza con dereitos". A cita na cidade da Coruña sairá dende a Praza de Vigo ás 20.00 horas da tarde.

Dende o sindicato reclaman as loitas protagonizadas pola clase traballadora galega en 1972 durante as que foron asasinados en Ferrol, pola policía franquista, os traballadores da antiga Bazán, Amador e Daniel. Loitas que comezaron en Ferrol no mes de marzo e que, meses despois, se estenderon a Vigo por mellores condicións de traballo e por defender a negociación colectiva en Galicia.

Considera que todos os indicadores públicos sobre a realidade laboral e social reflicten un empeoramento dos empregos e da perda de poder adquisitivo dos salarios. "Cada día é máis a precariedade a e pobreza laboral, a desigualdade, a fenda de xénero e a desprotección social", afirman dende a CIG.

Continúa trasladando: "Esta realidade laboral é resultado das reformas laborais aprobadas polos gobernos, utilizando o diálogo social para branquealas, onde o capital avanza a súa axenda, cun papel entregado á desmobilización de CCOO e UGT. Na Galiza, o impacto negativo de todo isto multiplícase polo Goberno do PP, que aproveita estas políticas españolas para levalas máis lonxe".

A organización sindical expón que nesta realidade se cuestiona "o noso dereito a negociar e decidir en Galiza os nosos convenios colectivos para termos mellores condicións de traballo e salarios dignos". Así, promoven estas mobilizacións para loitar por frear o "retroceso e precariedade que representa a fórmula neoliberalismo-diálogo social-estatalización".

⚙ Configurar cookies
0.75835204124451