A Cidade Deportiva da Torre acolle a II Copa Irene González Basanta de fútbol feminino

ACoruñaXa
O Orzán SD será o anfitrión do evento xuvenil de fútbol feminino que se disputará entre o xoves e venres na cidade e no que se enfrontará ao Real Madrid, Great Falls Reston e SL Benfica
Imaxe do cartel da II Copa Irene Gonzalez Basanta
26 Mar 2024

O xoves 28 e venres 29 de marzo, terá lugar en Coruña a II Copa Irene González Basanta, organizada polo Concello en colaboración co Orzán SD. Este evento de prestixio internacional reunirá na cidade os catro equipos máis destacados do mundo de fútbol feminino xuvenil. Na competición, participarán o Real Madrid, o Great Falls Reston e o SL Benfica, xunto co equipo local.

O torneo de carácter internacional é unha iniciativa pioneira a nivel nacional e serve para renderlle homenaxe á figura de Irene González Basanta, pioneira do fútbol feminino que a comezos do século XX desafiou os estereotipos da súa época e cumpriu o seu soño de xogar ao fútbol, chegando a fundar o seu propio club na cidade.

Na xornada do xoves pola mañá os equipos participantes serán recibidos en María Pita pola concelleira de Turismo, Diana Cabanas. Xa pola tarde, a partir das 16.00 horas, comezará o torneo na Cidade Deportiva da Torre – Arsenio Iglesias. O Real Madrid, vixente campión, enfrontarase no partido inaugural ao Great Falls Reston.

O evento deportivo divídese en dúas fases, enfrontándose todos os equipos entre eles na primeira para determinar os enfrontamentos de semifinais. Esta fase final terá lugar o venres a partir das 10.00 horas, estando prevista a final para as 13.00 horas e a entrega de trofeos para as
14.00 horas. Os partidos da primeira fase terán unha duración de 30 minutos, mentres que os da fase final serán de 45 minutos.

Calendario do torneo

Xoves 28 de marzo

  • 16.00 horas: Real Madrid – Great Falls Reston
  • 16.45 horas: SL Benfica – Orzán SD
  • 17.30 horas: Real Madrid – SL Benfica
  • 18.15 horas: Great Falls Reston – Orzán SD
  • 19.00 horas: Orzán SD – Real Madrid
  • 19.45 horas: SL Benfica – Great Falls Reston

Venres 29 de marzo

  • 10.00 horas: Primeiro contra cuarto clasificado
  • 11.15 horas: Segundo contra terceiro clasificado
  • 13.00 horas: Final
CARTEL OFICIAL 2024
0.099621057510376