A cidade das TIC albergará o maior plató virtual de España

ACoruñaXa
As instalacións contarán coa tecnoloxía máis avanzada en produción audiovisual virtual e atraerán á cidade a producións de cine, televisión e videoxogos internacionais
Deputación Coruña - Clúster 6 febreiro
6 Feb 2024

A construción do edificio do plató virtual Coruña Estudo Inmersivo (CEI) xa está en marcha. O presidente da Deputación, Valentín González Formoso analizou este martes 6 de febreiro cos representantes do Clúster Audiovisual Galego, o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, e o exreitor Julio Abalde os avances do proxecto e informou, tras a reunión, do inicio das obras.

O presidente socialista destacou que a nova infraestrutura vai permitir que a creatividade audiovisual galega “flúa por todos os canais comerciais do mundo e as distintas plataformas”, nun sector integrado por máis de 700 empresas e no que traballan 4.500 persoas. Formoso asegurou estar “moi satisfeito” do traballo desenvolvido xunto á UDC, o Concello da Coruña e o Clúster TIC Galicia, co financiamento do Plan de Recuperación do Goberno e a colaboración da Xunta, e dixo que é “motivo de orgullo” para a Deputación capitanear o proxecto.

O presidente provincial mostrouse tamén a súa satisfacción porque os implicados no proxecto foran quen de “propoñer unha idea, deseñala e executar os fondos en tempo récord”.

Antes o que o presidente do clúster, Alfonso Blanco apuntou: “Como produtoras, levamos moitos anos traballando coa Administración e o que vén de suceder é un pequeno milagre: 14 meses dende as primeiras reunións ata o inicio das obras é algo moi rechamante”. Tamén destacou que a iniciativa “vai fortalecer a Cidade das TIC e vai marcar un punto aparte dentro do sector industrial galego, porque que conflúan tecnoloxía, TIC e formación por parte da Universidade nun mesmo espazo é algo moi singular a nivel de Europa”.

Unhas instalacións á vangarda da industria

A construción do edificio do plató virtual adxudicouse o pasado decembro por 2.534.538,12 euros, cun prazo de execución de oito meses. Trátase do derradeiro paso para a posta en marcha do CEI, logo de que en agosto se adxudicara a tecnoloxía de vangarda do plató virtual a Telefónica por 6,1 millóns de euros. A posta en marcha está prevista para o vindeiro outono. En total o CEI suporá un investimento de preto de 9 millóns de euros.

As instalacións contarán coa tecnoloxía máis avanzada en produción audiovisual virtual e servirán para mellorar a competitividade das empresas galegas do sector, ademais de atraer producións de cine, televisión e videoxogos procedentes de toda Europa.

O edificio estase a construír nunha parcela de 2.539 metros cadrados da Cidade das TIC da Coruña, dentro da que se levantarán dous edificios interconectados. Nun primeiro bloque, situado na parte leste da parcela, estará o estudo audiovisual, e un segundo, na zona oeste, dará servizo ao plató. Construiranse cun sistema prefabricado de estrutura de formigón, o que permitirá que os prazos da obra sexan reducidos.

O edificio quedará elevado sobre o terreo natural, medrando a súa altura cara á fachada sur, o que permite ventilar o forxado da planta baixa, reducir a humidade, a condensación e, ademais, xerar unha barreira contra o radón. Isto tamén posibilita crear unha planta de soto na parte sur sen necesidade de escavar.

Como eixo desta infraestrutura crearse un patio central que servirá como nexo de unión entre os dous bloques e en torno ao que se disporán dous espazos en forma de L vinculados ao plató virtual, no que se disporán os diferentes usos: o acceso e as circulacións, camerinos, vestiarios, unha sala de maquillaxe e perruquería, unha sala de figuración, tres salas polivalentes, dúas de controis técnicos, despachos, salas de produción, unha zona de descanso e conciliación, unha sala de instalacións, e un almacén.

Para a urbanización de toda a contorna proponse crear na parte norte un acceso con zonas de parterres e un espazo de descanso baixo arborado na zona sur, aproveitando o desnivel para crear unha grada e un lugar de descanso xunto á zona pública do edificio e vinculado co patio.

0.086775064468384