A cidade da Coruña será unha das sedes do Mundial de Fútbol Masculino 2030

ACoruñaXa
A alcaldesa, Inés Rey: “O Mundial traerá avances para A Coruña e para Galicia, da que seremos os seus mellores embaixadores”
Imaxe da presentación de Riazor como sede do Mundial 2030
21 Jul 2024

A cidade da Coruña foi seleccionada como unha das sedes do Mundial de Fútbol Masculino 2030, segundo anunciou este venres a FIFA e a RFEF. Neste sentido, o estadio municipal de Riazor será un dos 11 estadios españois que acollerán este evento deportivo de repercusión internacional. Este sábado, a alcaldesa Inés Rey presentou oficialmente o proxecto nun acto que contou coa presenza de destacados representantes institucionais e sociais.

Inés Rey estivo acompañada polo conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo; a subdelegada do Goberno, María Rivas; e os representantes da Real Federación Galega de Fútbol, Juan Luis Villamisar e Diego Batalla. Tamén asistiron representantes dos concellos da provincia que apoiaron a candidatura, concelleiros da corporación coruñesa e membros do tecido empresarial, social e veciñal da cidade e a súa área metropolitana.

"Que o Mundial 2030 teña como sede A Coruña amosa unha vez máis a forza da nosa cidade", destacou Inés Rey durante a súa intervención. Agradeceu a colaboración de todas as persoas, colectivos e institucións que participaron no proxecto, subliñando o traballo conxunto realizado coa Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, o Goberno de España e a Real Federación Española e Galega de Fútbol. Tamén puxo en valor o apoio dos concellos que respaldaron a candidatura coruñesa, cuxo papel será fundamental na celebración do Mundial 2030.

"Presentamos un proxecto rigoroso, sensato e ilusionante para ser bimundialistas, un logro do que só 50 cidades no mundo poden presumir", comentou a alcaldesa. "Non falamos só dun espectáculo de quince días, senón dunha transformación e difusión masiva da cidade, cun proxecto que reflicte o gran crecemento da Coruña nesta década", engadiu. A Coruña será a cidade con menos habitantes que participará no Mundial 2030, o que, segundo Inés Rey, confirma que "non hai cidade pequena máis grande que A Coruña".

Sobre os futuros traballos de ampliación do estadio de Riazor, todas as administracións presentes mostraron a súa disposición para colaborar no financiamento e traballar en conxunto para cumprir coas esixencias da FIFA. "Reformaremos o estadio municipal de Riazor non só para acoller outro Mundial, senón tamén para enchelo de branquiazul, como a lista de espera para ser socios do Dépor demanda, e para convertelo nun recinto ideal para grandes eventos culturais", reafirmou Inés Rey. A alcaldesa insistiu en que este é un "proxecto de cidade" e que a ampliación de Riazor para acoller o Mundial 2030 levará consigo outros cambios importantes na cidade. "Imos aproveitar esta oportunidade para que a cidade creza e mellore en calidade urbana e industrial, como levamos facendo nos últimos cinco anos", indicou, equiparando este proxecto a outros nos que o seu Goberno está a traballar, como a posta en funcionamento da AESIA ou a configuración da fachada marítima. "O Mundial traerá avances en mobilidade, economía e innovación para A Coruña e Galicia, da que seremos, unha vez máis, os mellores embaixadores", subliñou Inés Rey, lembrando o importante retorno económico que este evento suporá para a comunidade.

Pola súa banda, o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, demandou máis diálogo por parte do Concello e maior implicación do Consello Superior de Deportes na candidatura elixida. Calvo reafirmou o compromiso da Xunta coas candidaturas galegas ao Mundial, xa manifestado en setembro de 2022 a través dun acordo aprobado polo Consello do Goberno galego, e expresou a satisfacción de que fose elixida unha sede na comunidade. Para Diego Calvo, agora “comeza unha nova etapa na que é precisa maior participación e diálogo entre todas as administracións”, especialmente despois de que a Xunta amosase xa a súa vontade de colaboración tamén no financiamento. Nesta liña, indicou que deben implicarse todas as administracións, incluído o Consello Superior de Deportes. “Non se entendería que a participación de España no Mundial a paguen os concellos, as deputacións e as comunidades autónomas”, afirmou. Tamén insistiu en que ese financiamento debe ser a partes iguais e emprazou a coñecer o proxecto definitivo para avanzar.

Sen embargo, o BNG da Coruña á luz da información dispoñible neste momento -unicamente a coñecida a través dos medios de comunicación-, constata que o proxecto do Goberno Local para A Coruña ser sede do Mundial de fútbol masculino 2030 é iso, un proxecto do Goberno Local e non, infelizmente, un proxecto de cidade. Non houbo, e lamentámolo, nin diálogo con todos os grupos con presenza na Corporación municipal nin co Deportivo. Son moitas as incógnitas a despexar que non foron convenientemente esclarecidas polo Goberno Local, entre elas as vías de financiamento dun proxecto multimillonario. En todo caso, o BNG realizará a vindeira semana unha avaliación máis demorada.

Doutra banda, a subdelegada do Goberno, María Rivas, asistiu esta mañá ao acto de presentación do proxecto da Coruña como sede do Mundial de Fútbol Masculino 2030. María Rivas quixo sinalar que a elección da Coruña como unha das sedes españolas da Copa Mundial de Fútbol 2030 é o resultado do traballo conxunto das administracións e dos colectivos sociais, magnificamente capitaneados polo Concello da Coruña, a quen felicitou pola consecución desta designación.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.1843569278717