A cidade da Coruña celebra as Xornadas Europeas de Arqueoloxía con obradoiros infantís e percorridos guiados

ACoruñaXa
O Concello abre o prazo de inscrición nas actividades gratuitas previstas na fin de semana do 15 e 16 de xuño no Castelo de San Antón e no Castro de Elviña
Imaxe dun obradoiro no Castelo de San Antón
4 Xuño 2024

O Concello da Coruña abre hoxe, martes 4 de xuño, o prazo de inscrición nos obradoiros e percorridos guiados previstos no Castelo de San Antón e o Castro de Elviña na fin de semana do 15 e 16 de xuño, unha iniciativa impulsada polo Gobenro local co gallo das Xornadas Europeas de Arqueoloxía.

A programación inclúe, por exemplo, talleres infantís de arqueoloxía nos que as nenas e nenos viaxarán ao pasado para coñecer a moda prehistórica, experimentando con tecedoras. Este percorrido pola prehistoria tamén se levará a cabo a través das pinturas rupestres, cun obradoiro no que a rapazada asistente aprenderá técnicas e ferramentas coas que cada participante dará forma á súa propia obra de arte prehistórica.

Ademais, no Castro de Elviña haberá escavacións simuladas nas que as nenas e nenos serán, por un día, os arqueológos e arqueólogas do xacemento. A isto sumarase un obradoiro no que a cativada terá que completar unha serie de probas grupais para descubrir os segredos que agocha a paraxe.

Tamén haberá obradoiros para adultas e adultos. O sábado 15, o Castro de Elviña acollerá un taller de experimentación no que as persoas asistentes descubrirán, de primeira man, os avances tecnolóxicos que cambiaron para sempre o modo de vida da prehistoria: o lume, a industria lítica e ósea… O taller, dunha hora e media de duración, terá lugar ás 19.00 horas, con 20 prazas dispoñibles.

A rexedora convidou a cidadanía a participar nas actividades organizadas pola rede de Museos Históricos da Coruña, “que contribúen a visibilizar e poñer en valor o noso patrimonio, cunha perspectiva interxeracional e amena que lles permitirá, tanto ás persoas adultas como aos máis pequenos, descubrir o pasado da nosa cidade e das culturas que a habitaron”.

Percorridos guiados por San Antón e o Castro de Elviña, o sábado 15 e o domingo 16

Ademais dos talleres creativos, o Concello tamén oferta percorridos guiados por San Antón e o Castro de Elviña, co obxectivo de dar a coñecer o patrimonio histórico da cidade, así como o día a día das e dos profesionais que traballan tanto no castelo como no xacemento arqueolóxico.

As visitas guiadas en San Antón terán lugar o sábado 15 (12.00 e 18.00 horas) e o domingo 16 (12.00 horas). Haberá 25 prazas por quenda, en sesións dunha hora e cuarto de duración.

No caso do Castro de Elviña haberá percorridos guiados tanto o sábado 15 como o domingo 16, ás 12.00 horas, con 25 prazas por quenda.

A participación nas actividades é gratuíta, mais é preciso formalizar inscrición previa. As persoas interesadas en solicitar praza nos obradoiros e percorridos guiados poderán facelo a partir deste martes 4, ás 10.00 horas, a través do telefóno 981 189 850. Toda a información está dispoñible nesta ligazón.

0.19991493225098