A chave, presente en Culleredo: A Aldea impónse no 42º Torneo Concello de Culleredo

A tradición chaveira continúa máis viva ca nunca en Culleredo, como quedou demostrado esta fin de semana coa celebración da 42ª edición do Torneo de Chave Concello de Culleredo. A cita, xa consolidada no calendario deportivo local, reuniu a decenas de xogadores e afeccionados na pista polideportiva cuberta de Ledoño.
Organizado polo Concello, o torneo contou coa participación de seis clubs: Haciadama, Boedo, O Xismo, Portazgo Bravú, A Aldea e Meixigo —este último procedente do Concello de Cambre e convidado especial nesta edición—. O Clube de Chave A Aldea proclamouse campión tras sumar 145 chaves, amosando unha clara superioridade sobre o resto dos equipos. Completaron o podio Portazgo Bravú con 136 chaves e Meixigo con 103. A clasificación pechouse con O Xismo (99), Boedo (77) e Haciadama (65).
No eido individual, José Manuel Varela, do club A Aldea, foi o máximo chaveiro do torneo, cun total de 31 chaves, e tamén o xogador con máis plenos (dúas veces). Pola súa banda, Jesús Manuel Serrano, do Clube de Chave Boedo, acadou o título de campión do torneo Superchave grazas á consecución dunha superchave.
O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, asistiu ao evento acompañado por varios membros da corporación municipal, entre eles a tenente de alcalde e concelleira de Deportes, Cristina Pardo. Ambos participaron na entrega de premios, onde destacaron a relevancia de preservar e poñer en valor as tradicións deportivas do municipio. Rioboo subliñou que a chave “xoga un papel fundamental como elemento de identidade local”.
O Concello comprometeuse a seguir apoiando este deporte tradicional, símbolo da cultura popular galega, e a fomentar o seu relevo xeracional para garantir que a chave continúe a formar parte activa da vida comunitaria en Culleredo.