A Casa Reitoral de Celas acolle a exposición colaborativa ‘Onde habitan os Recordos’

A Casa Reitoral de Celas convértese nun espazo para a memoria e a creatividade coa exposición colaborativa de fotografía e obxectos artesanais ‘Onde habitan os Recordos’. A mostra, impulsada polas estudantes de Belas Artes da Universidade de Vigo, Raquel Pampín e María Martelo, conta co apoio do Concello de Culleredo e busca poñer en valor a riqueza cultural e patrimonial a través da memoria colectiva e os lazos emocionais da veciñanza.
A exposición reúne obxectos e fotografías cedidos polos veciños de Culleredo, que ao longo das últimas semanas enviaron as súas propostas ás organizadoras. Entre as pezas expostas, o público poderá atopar elaboracións en vimbio, cascanoces, tamizadores antigos e outros elementos cargados de historia e significado.
A mostra permanecerá aberta hoxe e mañá, 23 de febreiro, en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas, cunha entrada gratuíta para todas as persoas interesadas.
Como actividade paralela e acto de despedida, mañá domingo ás 18.00 horas terá lugar na Casa Reitoral unha charla a cargo de dous artesáns: a ceramista Verónica Moar e o oleiro Pablo Rodríguez. O peche do evento completarase cunha proxección audiovisual realizada por Cristina Souto.