A Casa Museo Pablo Picasso reabre as súas portas cunha exposición de Manuel Silvestre Visa

ACoruñaXa
A exposición forma parte da aposta do Concello por revitalizar a actividade cultural deste inmoble situado no barrio do Ensanche
expo-corunha
11 Jun 2025

A Coruña volve a contar dende esta semana cun dos seus espazos culturais máis emblemáticos: a Casa Museo Pablo Picasso. A planta baixa do inmoble acolle xa a exposición Collages picto-gráficos, do recoñecido artista Manuel Silvestre Visa, unha mostra de deseño e pintura que pode visitarse de balde.

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presidiu o acto de inauguración e destacou o valor simbólico da reapertura da casa museo: “Con esta mostra reabrimos as postas desta Casa Museo tras levar a cabo tarefas de restauración e mellora no seu conxunto, froito do compromiso do Goberno de Inés Rey por preservar o legado de Pablo Picasso na cidade e facer deste un lugar de encontro para artistas e visitantes”.

A exposición forma parte da aposta do Concello por revitalizar a actividade cultural do inmoble situado no número 14 da rúa Paio Gómez, no barrio do Ensanche. A Casa Museo Picasso está integrada na rede de Museos Históricos da Coruña e foi residencia da familia Ruíz-Picasso entre 1891 e 1895, período no que o pintor comezou a dar os seus primeiros pasos no mundo da arte.

Manuel Silvestre Visa, doutor e catedrático da Universidade Politécnica de Valencia, é un artista plástico cunha ampla traxectoria internacional. Especializado en gravado e serigrafía, ten participado en exposicións individuais por todo o Estado e en mostras colectivas en países como Alemaña, Italia, Francia, Luxemburgo ou Estados Unidos. Ao longo da súa carreira recibiu numerosos galardóns, entre os que destacan o premio de escultura en forxa da Escola de Artes e Oficios de Madrid, a Medalla de gravado no XXXIV Salón de Outono de Palma de Mallorca ou a Bolsa Fundación Torre-Pujaltes da Coruña.

Ademais da exposición, o Concello da Coruña está a ultimar as obras de restauración e acondicionamento no primeiro andar da Casa Museo, cun investimento de 107.000 euros. Os traballos inclúen a recuperación das carpintarías interiores e a substitución de tabiques, e permitirán a apertura dun novo espazo de usos múltiples destinado a ampliar a programación cultural do centro.

A Casa Museo Pablo Picasso mantén o acceso libre para as súas visitas guiadas e continúa a súa misión de dar a coñecer a infancia e os primeiros pasos artísticos dun dos creadores máis universais da historia da arte.

⚙ Configurar cookies
0.17497181892395