A Casa Museo María Antonia Dans inaugura en Curtis a exposición ‘As vacas cando son vacas’

A Casa Museo María Antonia Dans, en Curtis, acolle este venres 9 de xaneiro a inauguración da exposición ‘As vacas cando son vacas’, unha mostra que propón un percorrido para reivindicar o rural e a importancia simbólica e económica dun animal moi vencellado á identidade galega. O acto de apertura está previsto para as 16.30 e contará coa presenza da conselleira do Medio Rural, María José Gómez Rodríguez.
A convocatoria enmárcase na programación cultural do espazo museístico dedicado a María Antonia Dans Boado (1922-1988), considerado o primeiro museo de Galicia centrado na figura dunha pintora e aberto en Curtis en 2024.
Dende o Concello animan a veciñanza a achegarse á Casa Museo para ‘conectar coas nosas raíces’ a través dunha proposta que pon o foco na paisaxe, na vida rural e na memoria colectiva arredor do campo.