A Casa Museo Casares Quiroga revive a Coruña de 1930 e 1931 cunha mostra de fotografías inéditas

A Casa Museo Casares Quiroga abriu as portas á exposición ‘A Coruña 1930-1931. Estampas de vida e política’, unha proposta organizada por Xosé Alfeirán que convida a regresar a un dos períodos máis decisivos da historia recente da cidade. A mostra reúne 31 fotografías dos anos 1930 e 1931, algunhas delas inéditas, pertencentes á Colección Bartolomé-Chavert.
Durante a inauguración, o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, subliñou a importancia de recuperar e divulgar episodios históricos que durante décadas quedaron relegados, en especial os vinculados á Segunda República. Segundo destacou, o Goberno local está a impulsar un labor de recuperación da memoria da cidade e do papel desempeñado por persoas ligadas aos movementos sociais e á defensa da democracia.
A exposición estrutúrase en dous grandes bloques centrados no reflexo social e político da Coruña durante 1930 e 1931 e na proclamación da II República na cidade. O percorrido complétase cunha proxección histórica sobre a amaraxe do Dornier Do X o 23 de outubro de 1930 no porto coruñés. A chegada do coñecido como ‘Leviatán do Aire’, o hidroavión máis grande da súa época, converteuse nun dos grandes acontecementos públicos daqueles anos.
Entre as imaxes destaca a que serve de presentación da mostra: a fotografía do coche que percorreu a rúa Real levando o cadro ‘Alegoría da República’, de Román Navarro, desde a sede do Casino Republicano nos Cantóns ata o salón de plenos municipal o 14 de abril de 1931. A escena resume o espírito dun tempo marcado pola transición entre o final da ditadura de Primo de Rivera e a proclamación da II República.
A programación cultural municipal sumou tamén outra inauguración nas últimas horas. Gonzalo Castro participou igualmente na apertura de ‘Onde o corazón te leve’, da artista plástica Susana Meitín, na Casa Museo María Pita. A creadora presenta unha selección de obras nas que percorre distintas técnicas, como o óleo, a acuarela, o lapis e o bolígrafo.
A produción de Meitín céntrase especialmente na acuarela e no óleo, linguaxes coas que explora a paisaxe, a cor e a expresividade do trazo. O seu traballo, de enfoque contemporáneo, parte da observación do contorno e da síntese visual para construír un estilo propio e recoñecible.