A Casa Museo Casares Quiroga podería converterse en Lugar de Memoria Democrática de Galicia

O Concello da Coruña solicitará ao Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática a inclusión da Casa Museo Casares Quiroga no inventario de Lugares de Memoria Democrática. Deste xeito, este espazo municipal situado na rúa Panadeiras sería o primeiro de Galicia en formar parte desta listaxe estatal, que ten como obxectivo identificar e recoñecer aqueles lugares nos que se desenvolveron feitos de singular relevancia para a memoria democrática.
O anuncio foi realizado polo concelleiro de Cultura e Turismo, e responsable da área de Memoria Democrática do Concello, Gonzalo Castro, durante a súa intervención na presentación da mesa redonda celebrada esta tarde na Casa Museo Casares Quiroga. O acto serviu para conmemorar o 75 aniversario do pasamento do político republicano coruñés, falecido no exilio en París o 17 de febreiro de 1950.
Baixo o título '75 anos despois. Revisitando a Casares Quiroga. Mito e realidade histórica', o Instituto de Estudos Coruñeses José Cornide organizou un coloquio no que participaron os historiadores Emilio Grandío e Xosé Alfeirán, xunto coa directora do Instituto, Ana Romero. Este organismo será o encargado de elaborar os estudos e informes históricos necesarios para fundamentar a solicitude de recoñecemento como Lugar de Memoria Democrática.
“Desde o Goberno de Inés Rey queremos impulsar na Coruña os espazos vinculados coa memoria democrática, facendo parte do proceso ás entidades que afondan na lembranza e no fortalecemento dos valores democráticos”, afirmou Gonzalo Castro. “A inclusión desta Casa Museo será o primeiro paso para poñer en valor o importante papel da nosa cidade na defensa das liberdades e dereitos do conxunto da sociedade”, engadiu o concelleiro ante o público asistente.
O acto celebrado tamén serviu para lembrar a figura de Casares Quiroga, abordando aspectos como a construción da súa personalidade no contexto coruñés, a súa traxectoria política e o seu labor no exilio, así como a súa influencia na loita contra a ditadura franquista.
Segundo a lexislación estatal, un Lugar de Memoria Democrática é un espazo, inmoble, paraxe ou patrimonio cultural inmaterial no que se desenvolveron feitos de singular relevancia pola súa significación histórica, simbólica ou pola súa repercusión na memoria colectiva. Estes lugares están vinculados á memoria democrática, á loita da cidadanía polos seus dereitos e liberdades, á memoria das mulleres, así como á represión e violencia sufridas como consecuencia da resistencia ao golpe de Estado de xullo de 1936, a Guerra Civil, a Ditadura, o exilio e a loita pola recuperación e profundización dos valores democráticos.