A Casa Museo Casares Quiroga acolle a mostra 'Imparables' da arxentina Diana Raznovich
Esta mañá de venres resentouse na Casa Museo Casares Quiroga da Coruña a mostra de humor gráfico en clave feminista, ‘Imparables’ da novelista, poeta e ilustradora arxentina Diana Raznovich que estará aberta ao público ata o vindeiro día 31 de marzo.
A alcaldesa, Inés Rey, acompañada da concelleira da Área de Benestar Social, Yoya Neira, presidiu o acto de apertura da exposición.
“Desde o Concello continuaremos promovendo numerosas actividades que reivindican a figura da muller e a importancia de que teña o mesmo peso en todos os ámbitos”, sinalou a alcaldesa durante a súa intervención, apuntando que o 8 de marzo é “un día de reflexión, mais tamén de acción” para avanzar cara a igualdade.
Raznovich, nada en Bos Aires no ano 1945, foi alumna do escritor e poeta Jorge Luis Borges na universidade bonaerense. Xa na década dos setenta, coa ditadura militar arxentina e a desaparición do seu primeiro marido, emigrou a España, onde viviu primeiro en Madrid e, actualmente, en Alacante. Durante anos, Raznovich traballou para o diario Clarín, o máis importante da Arxentina. E, ademais, desenvolveu obras de teatro que foron traducidas a diversos idiomas e representadas a nivel internacional.
No referente ao seu traballo no eido da banda deseñada, Raznovich reflicte situacións cotiás cunha mirada irónica coa que convida a reflexionar sobre o papel das mulleres na sociedade, os seus avances e tamén o camiño que queda por percorrer. Neste sentido, a creativa suramericana expón a súa intención de “construír realidades paralelas, ficcións e viñetas que poñan de manifiesto a caducidade dos valores baseados na desigualdade”. E agrega que “o feminismo, un movemento pacífico, é unha revolución imparable para acadar a igualdade entre mulleres e homes, unha revolución permanente na que lamentablemente aínda hai moito por facer”.
‘Imparables’, a nova mostra que abre este sábado ao publico na Casa Museo Casares Quiroga incide especialmente no “humor feminista, que escasea”, subliña Raznovich, que non puido asistir ao acto de apertura.