A Casa dos Xoguetes abre as súas portas na Coruña

A Casa dos Xoguetes da Coruña abriu este luns as súas portas na sede da Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC), na rúa Costa da Palloza, onde permanecerá operativa ata o 3 de xaneiro. A concelleira de Emprego, Comercio e Mercados, Diana Cabanas, visitou esta mañá o espazo, que o Concello habilita cada Nadal para fomentar a economía circular a través da doazón e intercambio de xoguetes.
Cabanas lembrou que esta iniciativa permite que calquera veciño ou veciña entregue xoguetes que xa non empregue e poida levar outros en función do valor dos cupones obtidos. “A chegada do Nadal supón unha boa ocasión para recalcar a importancia de promover a economía circular e o consumo responsable. Coa Casa dos Xoguetes, todas e todos os coruñeses poderán achegar aqueles xoguetes que xa non empreguen e que outros nenos e nenas poidan desfrutar deles, ao tempo que poderán levar os que máis lles gusten dos que están expostos e se correspondan co valor dos seus cupones”, sinalou.
Baixo o lema Cambia de aventura, o Goberno de Inés Rey busca reforzar o carácter solidario da campaña e concienciar sobre o impacto positivo que teñen os pequenos xestos na contorna.
A doazón de xoguetes permanecerá aberta entre o 1 e o 31 de decembro. O horario da Casa dos Xoguetes será de luns a venres de 11:00 a 18:00 horas, os sábados de 11:00 a 14:00 horas e contará con aperturas especiais os días 24 e 31 de decembro, tamén de 11:00 a 14:00 horas. Os domingos e festivos permanecerá pechada.
Nesta primeira xornada, alumnado do CEE Nosa Señora de Lourdes visitou o espazo para realizar as súas doazóns, en liña co proxecto de economía circular que desenvolven no centro.
Ademais do intercambio de útiles, o programa inclúe obradoiros e actividades de balde para nenas e nenos de 4 a 10 anos ata o 3 de xaneiro. Haberá talleres de reciclaxe e manualidades —como creación de postais, adornos sostibles ou xogos feitos con refugallo— e propostas lúdicas como contacontos, debuxo colaborativo e xogos do agasallo. A inscrición realizarase na propia Casa dos Xoguetes, 15 minutos antes do inicio de cada actividade.