A Casa das Ciencias proxectará este Nadal un programa no planetario dedicado á estrela Rosalíadecastro

Este Nadal, o planetario da Casa das Ciencias ofrecerá unha programación especial co programa "Estrela Rosalía", unha sesión en directo dedicada á estrela Rosalíadecastro, nomeada hai cinco anos pola Unión Astronómica Internacional en honra á célebre escritora galega.
A iniciativa, impulsada polo Goberno de Inés Rey, busca continuar achegando á cidadanía actividades de divulgación científica innovadoras e atractivas. Durante a sesión, ademais de explorar a historia e as características desta estrela situada na constelación do Serpentario, abordarase o firmamento do Nadal, coas súas principais estrelas e constelacións, e a posibilidade de observar todos os planetas visibles a simple vista nesta época do ano.
As proxeccións realizaranse ás 18:00 horas os días 21, 22, 23, 26, 27, 28, 29 e 30 de decembro, así como o 4 e 5 de xaneiro. Ademais, os días 2, 3 e 7 de xaneiro, haberá unha sesión especial ás 13:00 horas.
Horarios de Nadal dos Museos Científicos Coruñeses
A Casa das Ciencias, a Domus e o Aquarium Finisterrae permanecerán abertos durante as vacacións escolares de Nadal cun horario especial. Do 21 ao 30 de decembro, abrirán das 10:00 ás 19:00 horas, mentres que o 24 e o 31 de decembro funcionarán de 10:00 a 14:00 horas. En xaneiro, o horario será de luns a venres de 10:00 a 18:00 horas, e os sábados, domingos e festivos, de 11:00 a 19:00 horas. Os tres museos permanecerán pechados o 25 de decembro, así como o 1 e o 6 de xaneiro.
A programación completa do planetario, os horarios e o resto de actividades ordinarias están dispoñibles na páxina web dos Museos Científicos Coruñeses.