A Casa das Ciencias de A Coruña abre «O universo de Fredo», unha homenaxe ao astrofotógrafo Alfredo Madrigal

ACoruñaXa
A exposición retrospectiva, en colaboración coa Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, reúne imaxes espectaculares da Vía Láctea, a nebulosa de Orión, o Veo ou as galaxias de Bode e do Cigarro
A CORUÑA exposicion astrofotografo
27 Sep 2025

A Casa das Ciencias inaugura hoxe «O universo de Fredo», unha mostra que lembra a figura e a obra de Alfredo Madrigal (1976–2025), ‘Fredo’, un dos grandes astrofotógrafos galegos da súa xeración. Natural da Coruña e viaxeiro incansable pola noite estrelada, Madrigal percorreu latitudes de medio mundo —do norte de Europa ás chairas do oeste dos Estados Unidos, da sabana africana a múltiples recunchos de Galicia— para capturar a beleza do firmamento e das paisaxes, tanto diúrnas como nocturnas.

A exposición, instalada na planta baixa do museo e realizada en colaboración coa Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, propón unha viaxe visual a través de nove fotografías en gran formato que condensan a mirada de Fredo sobre o cosmos. O visitante atopará escenas da Vía Láctea de vertixinosa profundidade, unha poderosa visión da nebulosa de Orión e composicións nas que emerxen o remanente dunha supernova —popularizado como a nebulosa do Allo—, un novo cúmulo estelar na constelación de Serpens, a galaxia de Bode acompañada do seu satélite, a galaxia do Cigarro, e o entramado filigranado da nebulosa do Veo no Cisne. Non faltan tampouco aquelas tomas nas que a imaxinación recoñece formas animais: o Cabaliño de mar, a Pinza de Lagosta ou a Pita do monte, figuras que Fredo soubo suxerir cunha combinación de técnica, paciencia e sensibilidade.

No acto de apertura, o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, convidou a cidadanía a descubrir unha mostra que é, ao tempo, tributo e reivindicación: un tributo á traxectoria de Madrigal e unha defensa do encanto da noite, entendida como espazo de creación, coñecemento e respecto polo ceo escuro. “Queremos que as veciñas e veciños se acheguen a este universo persoal e, con el, á fascinación pola astronomía que Fredo contaxiaba”, sinalou. «O universo de Fredo» ofrece así un percorrido íntimo polo legado dun creador que fixo do amor polo cosmos a súa lingua e que deixa, nas súas imaxes, unha guía para mirar cara arriba con curiosidade renovada.

⚙ Configurar cookies
0.12254619598389