A Casa Cornide abre ao público por primeira vez tras décadas nas mans da familia Franco

A Casa Cornide abriu por primeira vez as súas portas á cidadanía, tras décadas de peche e posesión privada pola familia Franco. A apertura, aínda que con acceso limitado, supón un paso simbólico e reivindicativo na loita pola recuperación do patrimonio público.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, foi a encargada de inaugurar estas primeiras visitas, subliñando que "o obxectivo do Concello é que esta casa volva ao patrimonio público e mentres tanto que se garantice a súa protección como Ben de Interese Cultural e que os cidadáns poidan visitala".
Para esta primeira xornada, Rey estivo acompañada de representantes de entidades e persoas implicadas no proceso de recuperación da Casa Cornide. Entre eles, Francisco Jorquera, voceiro do BNG; Alfredo Vigo Trasancos, historiador e membro do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses; e Rubén Centeno, da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña.
“Reservamos o día que se abrían as visitas e quixen que me acompañasen Francisco Jorquera polo BNG, por ser tamén un dos impulsores de que fora declarada BIC, xunto coa Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña e Alfredo Vigo Trasancos, membro do Instituto José Cornide e historiador que asinou o estudo que fixo posible que fora declarada Ben de Interese Cultural”, explicou a alcaldesa.
Rey cualificou a xornada como un “momento histórico” e destacou que “é destacable que os Franco por fin cumpran a lei e abran a Casa Cornide á cidadanía, un ben público que pasou a mans privadas nun momento no que o ditador e a súa muller crían que todo lles pertencía, incluído o patrimonio”.
O Concello continúa co procedemento xudicial iniciado para recuperar a titularidade pública do inmoble. Esta vía legal comezou en decembro de 2019 coa elaboración de informes históricos e xurídicos que culminaron, en 2023, coa declaración da Casa Cornide como Ben de Interese Cultural por parte da Xunta de Galicia.
A Casa Cornide é unha xoia arquitectónica do século XVIII, considerada un exemplo único do barroco francés en Galicia. O edificio foi promovido polo ilustrado Diego Cornide e pasou polas mans do Ministerio de Educación e do Concello antes de ser transferido á familia Franco nun proceso cheo de irregularidades que agora está baixo revisión xudicial.