A Casa Arrigada de Cambre ofrece un Nadal cheo de actividades gratuítas para a mocidade

ACoruñaXa
A programación desenvolverase do 22 de decembro ao 7 de xaneiro e está dirixida a persoas de entre 12 e 30 anos
CAMBRE programación nadal
18 Dec 2025

A Casa Arrigada de Cambre converterase este Nadal nun espazo de encontro e lecer para a mocidade grazas a unha ampla programación de actividades gratuítas dirixidas a persoas de entre 12 e 30 anos.

Baixo o lema 'Nadal na Casa Arrigada', a iniciativa arrancará o 22 de decembro cunha xornada inicial de presentación e organización das propostas, que se desenvolverán ata o 7 de xaneiro. Ao longo destes días, as persoas participantes poderán tomar parte en torneos de ping pong e futbolín, sesións de xogos de mesa, un roteiro polos arredores de Cambre e obradoiros para a elaboración de casas-niño para paxaros.

A programación complétase cun espazo habilitado para envolver agasallos e cunha xornada final dedicada ao remate dos traballos realizados nos obradoiros. Todas as actividades son de balde e están pensadas para fomentar a convivencia, a participación e o ocio saudable durante as festas do Nadal.

As inscricións poden realizarse na propia Casa Arrigada, chamando ao teléfono 981 61 31 70 ou a través do correo electrónico actividadesomix@cambre.org.

⚙ Configurar cookies
0.077216148376465