A Carreira Popular de Arteixo será o mércores 1 de maio
O Concello de Arteixo celebrará o mércores 1 de maio, Día do Traballo, a XXIV edición da súa Carreira Popular na localidade de Arteixo. O evento ten un compoñente solidario en colaboración co Banco de Alimentos e coa Fundación Stop Leucemia.
A proba mantén as súas señas de identidade, con carreiras de adultos e de menores, e o seu carácter gratuíto para o fomento da actividade física na poboación. Deste xeito, a data do 1 de maio é a escollida, como é tradicional, polo que a mañá do mércores festivo vaise encher de oportunidades para a práctica física para todas as idades.
A xornada deportiva comezará coas carreiras para menores ás 10.00 horas, onde poderán participar toda a rapazada entre 5 e 17 anos, con distancias adaptadas según as datas de nacemento. De seguido a carreira de adultos, de 11,7 Km. e saída ás 12.00 horas na zona do Pazo dos Deportes de Arteixo.
O período de inscrición permanecerá aberto ata o mércores 24 de abril ás 23.59 horas. Ademais, poderá facerse a través da páxina web habilitada pola organización do evento.
Retirada de dorsais e chips
A recollida de dorsais e chips poderá realizar o domingo 28 de abril en horario de 10.00 a 14.00 horas, o luns día 29 e o martes 30 de abril en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 17.00 horas a 20.00 horas, na piscina municipal de Arteixo.
Ademais, tamén se poderán retirar o mesmo día da proba ( 1 de maio) no Pazo dos Deportes dende as 8.30h ata media hora antes do inicio de cada proba. Recoméndase chegar con antelación suficiente para evitar colas de última hora. Unha vez finalizada a proba, as persoas participantes non propietarias de chip non terán que devolver o chip xa que a organización facilitou o chip desbotable que estará colocado no dorsal.
Para a retirada do dorsal, a todas as persoas participantes, poderáselles solicitar que acrediten a súa identidade á hora de recoller o dorsal, con calquera dos seguintes documentos oficiais: maiores de 14 anos: DNI, ou outro documento oficial e os/as menores de 14 anos: DNI ou libro de familia e do DNI do pai/nai/titor/a..