A carreira 5K Leyma Coruña Contra o Cancro encherá o Paseo Marítimo este domingo

ACoruñaXa
O evento solidario destinará parte da recadación á AECC e busca promover hábitos de vida saudables e a visibilización da loita contra o cancro
A CORUÑA carreira leyme
12 Nov 2025

A Coruña acollerá este domingo, 16 de novembro, unha nova edición da carreira 5K Leyma Coruña Contra o Cancro, unha cita deportiva e solidaria que partirá ás 11.00 horas da contorna das Escravas, no Paseo Marítimo.

A proba, organizada por CCNorte co patrocinio de Leyma e coa colaboración do Concello da Coruña, forma parte da programación de novembro dedicada á concienciación sobre o cancro de mama. O evento inclúe modalidades tanto competitivas como populares, coa intención de fomentar a participación de persoas de todas as idades e condicións físicas.

O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, destacou na presentación o “espírito solidario e participativo desta iniciativa, que combina actividade física e apoio á investigación e sensibilización fronte ao cancro”. No acto tamén participaron representantes de Leyma, da Asociación Española Contra o Cancro (AECC), de Championchipnorte e do xornal DXT Campeón.

Ata o momento xa se rexistraron 1.795 participantes, aínda que o prazo de inscrición continúa aberto. Ademais, quen o desexe poderá colaborar a través do Dorsal Cero ou mediante doazóns voluntarias. Por cada inscrición nas categorías Absoluta e Andaina, Leyma doará 2 euros á AECC.

As persoas inscritas recibirán unha camiseta técnica oficial de uso obrigatorio durante a proba. O evento pretende, ademais, reforzar o carácter familiar e comunitario, promovendo unha cidade máis activa, saudable e solidaria.

A carreira provocará afeccións puntuais ao tráfico no Paseo Marítimo, xa que o percorrido ocupará os carrís dereitos desde a rúa Pondal ata a rotonda de Labañou, e ambos sentidos ata uns 100 metros despois do elevador do Monte de San Pedro, afectando rúas como Buenos Aires, Paseo Ronda, San Roque de Afuera, Gerardo Porto e Fernando Suárez García. Habilitaranse pasos alternativos para peóns e manteranse os accesos á praia durante toda a proba.

⚙ Configurar cookies
0.07163405418396