A canteira do Club Ciclista Cambre impónse na Copa Galega de BTT Resistencia e lidera todas as categorías cadetes

ACoruñaXa
As parellas formadas por Pedro Seoane e Izan Fernández, Lara Fernández con Carla Hermida e o dúo María Vázquez-Ramón Iglesias mandan na clasificación, mentres Albino Iglesias e Brais Vázquez tamén soben ao podio en júnior e sub23
CAMBRE ciclismo
27 Feb 2026

As escolas do Club Ciclista Cambre están a asinar unha tempada de referencia na Copa Galega de BTT Resistencia, un circuíto no que o club conseguiu colocar os seus corredores e corredoras no máis alto das táboas cadetes e manter presenza nos postos de honra tamén en categorías superiores.

Segundo as clasificacións do circuíto publicadas pola Federación Galega de Ciclismo, Pedro Seoane e Izan Fernández encabezan a categoría de parellas cadete e tamén a de parellas cadete masculinas, despois de sumar os puntos necesarios para situarse como líderes do campionato.

Na modalidade feminina, Lara Fernández, formando parella con Carla Hermida, mantense na primeira praza da clasificación de parellas cadete femininas, reforzando o dominio do club nas probas de base.

O triplete cadete complétase coa categoría mixta, na que María Vázquez e Ramón Iglesias figuran como líderes nas parellas cadete mixtas. Ademais, Antón García, xunto a Sara González, aparece tamén entre as primeiras posicións da táboa, rozando o podio.

O bo momento do Cambre tamén se estende a categorías de maior idade: Albino Iglesias ocupa posto de podio na clasificación júnior e Alex Reimúndez aparece no ‘top 5’, mentres que Brais Vázquez é segundo en sub23, confirmando a profundidade dunha canteira que non deixa de medrar.

0.11952686309814