A cantante Gigi McFarlane actúa este venres na Coruña

ACoruñaXa
A artista, famosa por interaccionar co público durante os seus directos, traerá versións de grandes éxitos de artistas como Tracy Chapman, Michael Jackson ou Madonna
Imaxe da cantante Gigi McFarlane
17 Abr 2024

Este venres 19 de abril, o museo de MEGA  converterase nunha auténtica festa de soul, disco e música negra da man de Gigi McFarlane. Así, os concertos con maridaxe en formato íntimo regresan ao Museo de Estrela Galicia da man desta impactante e enérxica voz do soul, que aterra na Coruña en formato dúo con temas orixinais do seu disco Power Acoustic.

A cantante, famosa por interaccionar co público durante os seus directos, ofrecerá tamén en MEGA versións de grandes éxitos de artistas como Tracy Chapman, Michael Jackson ou Madonna. As últimas entradas para o evento están dispoñibles a través da web oficial do museo.

Nada en Londres, de nai jamaicana e pai alemán, Gigi McFarlane consolidouse como unha figura destacada no circuíto nacional de clubs e festivais dedicados ao soul e á música negra. Desde que se estableceu en Barcelona fai máis dunha década, a súa carreira artística como intérprete, compositora e guitarrista experimentou unha constante evolución, destacando especialmente pola forza e o impacto das súas actuacións en vivo.

No seu repertorio, Gigi combina clásicos do soul e grandes temas da música negra de todas as épocas con composicións propias que revelan cada vez máis a súa personalidade única. Con máis de 2000 concertos realizados en todo o mundo e a súa participación no programa de TVE Cover Night, Gigi demostrou a súa versatilidade e o seu talento no escenario. A súa habilidade para conectar co público e converter os seus shows en auténticas festas do ritmo posiciónana como unha figura en ascenso no seu campo. A artista (voz e guitarra) regresa agora en MEGA -onde xa revolucionou ao público fai cinco anos, con motivo da inauguración do museo- en formato dúo, xunto a Cristian Torres como responsable dos teclados e as frecuencias.

0.11320495605469