A campaña de Nadal de Aecor sorteará 6.000 euros en bonos de compra en Ordes

Aecor Ordes pon en marcha até o próximo 2 de xaneiro a súa nova campaña de Nadal, coa que repartirá bonos de compra por un valor total de 6.000 euros, ademais de numerosos agasallos sorpresa doados polos socios e establecementos colaboradores.
En concreto, sortearanse 5.000 euros en bonos de 10, 20, 30 e 50 euros, ademais doutros 1.000 euros repartidos en dous bonos de 500 euros cada un. Para poder participar será necesario presentar tíckets de compras superiores a 20 euros realizadas até o 2 de xaneiro nos comercios e negocios asociados á entidade.
Cada tícket dará dereito a probar sorte coas figuriñas de Aecor, que estarán instaladas nas dependencias da asociación, situadas nos baixos da alameda. O calendario de participación será os días 22, 23, 26, 29 e 30 de decembro e o 2 de xaneiro, en horario de 10.30 a 13.30 e de 16.00 a 19.00 horas; o 24 de decembro poderase acudir de 9.00 a 16.00 horas e o 31 de decembro, de 9.00 a 13.00 horas.
A campaña inclúe tamén a visita de Papá Noel a Ordes. Os días 22 e 23 de decembro estará na caseta instalada no Parque da Constitución entre as 16.00 e as 19.00 horas, mentres que o día 24 recibirá as crianzas de 11.00 a 13.00 horas.
Un ano máis, o Concello de Ordes e a Xunta de Galicia colaboran nesta campaña promocional de Nadal impulsada pola asociación empresarial de referencia do municipio, co obxectivo de dinamizar o comercio local e animar as compras nas datas festivas.