A campaña de doazón de sangue da ADOS reforza as colectas de Nadal na cidade da Coruña

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) intensifica estes días a súa campaña especial de Nadal 'Doa sangue. O mellor agasallo' e sitúa a cidade da Coruña como un dos puntos clave do despregamento de unidades móbiles. A iniciativa busca frear a baixada habitual de doazóns durante os períodos vacacionais e garantir as reservas dos distintos compoñentes sanguíneos, cun obxectivo marcado: manter un ritmo duns 400 donativos ao día en toda Galicia.
Desde a Axencia lembran que estas datas coinciden, ademais, co pico da vaga de gripe e co aumento de enfermidades víricas respiratorias, o que pode deixar fóra temporalmente a parte da poboación doante ata a súa recuperación. Por iso, a ADOS apostou por reforzar a presenza nas sete grandes cidades, levando a doazón aos barrios para facilitar a participación.
No caso da Coruña, o calendario desta semana inclúe varias paradas. A unidade móbil estará o martes 23 de decembro no barrio de Los Rosales; o mércores 24, en Monte Alto e na zona de Cantón-Obelisco; o venres 26, en Monelos-Castrillón; e o sábado 27, en Marineda City.
A maiores das unidades desprazadas, a cidadanía pode doar tamén no punto fixo da Coruña, situado no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), nas Xubias, 84. O centro abre de luns a venres de 8.00 a 22.00 e os sábados de 8.00 a 15.00, e conta con aparcamento gratuíto no parking público.