A cabalgata de Reis encherá Bergondo o 5 de xaneiro con desfile e recepción en Guísamo


O vindeiro luns, 5 de xaneiro, os Reis Magos chegarán a Bergondo acompañados dos seus paxes para participar na xa tradicional cabalgata que percorrerá o municipio e as súas parroquias.
Se o tempo o permite, a ruta comezará ás 14.30 horas desde a Casa da Cultura e prolongarase ata a tarde, cando se agarda a chegada ao Pavillón de Guísamo arredor das 18.40 horas. Nese punto terá lugar a recepción real, na que Sus Maxestades saudarán á rapazada e haberá roscón e unha gran chocolatada.
Ademais, desde as 17.30 horas o pavillón acollerá unha festa infantil con obradoiros. As persoas asistentes tamén poderán mercar detalles de Manualidades Ana e Lola e participar en rifas para un sorteo organizado pola Comisión de Festas de Guísamo.
O Concello lembra que os horarios son aproximados e solicita colaboración veciñal para evitar estacionar no percorrido e facilitar o paso das carrozas. O itinerario completo pode consultarse na ligazón de Wikiloc, onde o propio día 5 tamén será posible seguir a cabalgata en tempo real.