A Cabalgata de Reis da Coruña mobilizará a máis de 1.200 persoas e sairá desde Vioño

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou este luns a Cabalgata de Reis 2026 tras a última xuntanza de coordinación entre as áreas municipais implicadas na organización do evento. A rexedora lembrou que se trata dunha das citas máis multitudinarias do ano e defendeu o traballo do Concello para reforzar a seguridade e introducir novidades en cada edición.
O desfile terá este ano unha estética vencellada á astronomía e ao eclipse total de sol previsto para o 12 de agosto de 2026, un fenómeno que, segundo o Instituto Xeográfico Nacional, volverá ser visible na península Ibérica tras máis dun século e cuxa faixa de totalidade cruzará España desde o noroeste.
O deseño da cabalgata incorporará elementos como planetas, constelacións, cometas e unha eclipse como motivo central.
No apartado organizativo, o Concello prevé un despregue con 13 carrozas (as tres dos Reis Magos, tres municipais e sete de entidades colaboradoras) e seis trens, un deles solidario. Xunto á tradicional carroza dos bombeiros, sumarase un tren da Policía Local. A animación correrá a cargo de 16 compañías artísticas, con 170 persoas, ás que se engaden 500 figurantes, arredor de 100 monitoras e monitores, 45 auxiliares de acompañamento e 20 integrantes da comitiva real. En total, participarán máis de 1.200 persoas e repartiranse 7,5 toneladas de caramelos brandos.
A saída será na rúa Revolución Francesa, no barrio de Vioño, para seguir achegando a celebración a distintas zonas da cidade. O inicio está previsto ás 17.30 e a chegada á praza de María Pita producirase pasadas as 20.00.
O percorrido, duns 4,4 quilómetros, avanzará por Igualdade, rolda de Outeiro, Alcalde Pérez Ardá, Fernández-Latorre, Catro Camiños, Costa da Palloza, Linares Rivas, Cantón Grande, a Marina, Porta Real e rematará en María Pita.
Como en anos anteriores, habilitaranse puntos accesibles en Pérez Ardá (diante de El Corte Inglés) e diante da Autoridade Portuaria, ademais de dous treitos sen ruído (na rolda de Outeiro, á altura do hotel Avenida, e no Teatro Colón). Por razóns de seguridade vinculadas ás obras dos Cantóns, non se permitirá público entre o cruzamento de Entrexardíns e o Teatro Colón.