A C21 da Coruña abre este luns 1 de decembro o prazo de inscrición para a súa XVIII edición

A conta atrás para unha nova edición do medio maratón da Coruña xa está en marcha. A C21, que en 2026 alcanzará a súa XVIII edición, regresará ás rúas da cidade o vindeiro 1 de marzo e abrirá o seu prazo de inscricións este luns 1 de decembro a través da páxina web de Carreiras Galegas.
A alcaldesa, Inés Rey, avanzou hoxe que o percorrido definitivo da proba se detallará nos próximos días e adiantou que “haberá novidades no trazado con respecto á edición previa”, na que a portuguesa Vanessa Carvalho e o keniano David Korichei cruzaron a meta como vencedores absolutos.
O que xa está confirmado é que o medio maratón volverá ir acompañado dunha carreira popular de 5 quilómetros, a 5K, que se consolida como porta de entrada para novos corredores e corredoras. “É unha carreira máis curta, pero cunha enorme aceptación porque permite a participación dun público moi amplo, que despois tamén se anima a formar parte do circuíto Coruña Corre, con distancias moi semellantes”, subliñou Rey.
Na edición deste ano, disputada en febreiro, a C21 e a 5K reuniron arredor de 4.000 participantes entre ambas as probas e deixaron un dato para a historia: por primeira vez desde que se celebran estas competicións, a participación feminina na 5K superou á masculina.
As persoas interesadas en tomar parte na C21 ou na 5K de 2026 deberán formalizar a súa inscrición en liña a partir deste luns, a través da plataforma Carreiras Galegas, onde tamén se irán publicando o trazado definitivo, os horarios e a información técnica das dúas probas.