A Biblioteca Suárez Picallo de Sada premia os préstamos con cheques agasallo para fomentar a lectura

A Biblioteca Municipal Suárez Picallo, en Sada, pon en marcha unha campaña para animar a veciñanza a ler máis e a visitar con maior frecuencia o servizo de préstamo. A iniciativa comezará o luns 23 de febreiro, coincidindo co Día de Rosalía, e manterase activa ata o 23 de abril, Día do Libro.
O funcionamento é sinxelo: durante os dous meses de campaña, cada usuaria e usuario recibirá unha papeleta para participar no sorteo por cada libro que leve en préstamo. Ademais, quen aposten pola literatura en galego verán duplicadas as súas opcións, xa que se entregarán dúas papeletas por exemplar retirado.
Entre todas as persoas participantes sortearanse cinco cheques agasallo de 75 euros cada un, pensados para mercar novos libros ou material escolar. O sorteo celebrarase na mañá do 24 de abril na propia biblioteca e poderá participar tanto público adulto como a rapazada.