A biblioteca Rialeda de Perillo acolle charlas de divulgación científica
A biblioteca Rialeda volve cunha nova programación de 'Ler para saber' dedicada ás charlas de divulgación científica durante os meses de febreiro a maio. A entrada é de balde para toda aquela persoa que desexe asistir.
Con isto, celebraranse seis charlas sobre temas científicos dirixidas a crianzas a partir de 10 anos, adolescentes e público en xeral que terán lugar na Biblioteca Central Rialeda, sita en Perillo, os venres 2 e 23 de febreiro, 15 de marzo, 19 de abril, 10 e 24 de maio, ás 18.30 horas.
Os obxectivos deste programa son achegar a ciencia a todas as persoas, ampliar os coñecementos científicos da cidadanía, fomentar a lectura e consultas sobre temas relacionados coa ciencia e o coñecemento específico dunha materia determinada ademais de dinamizar os fondos bibliográficos sobre estes temas nas bibliotecas municipais.
Programación:
O 2 de febreiro haberá unha charla da ciencia na arte da man de Gemma Andújar Santos, profesora de Educación Secundaria. O 23 de febreiro, sobre a importancia da conservación dos océanos con Sebastián Losada Figueiras, ecoloxista e activista. Licenciado en Ciencias do Mar e asesor de Greenpeace Internacional.
O 15 de marzo impartirase unha charla sobre a construcción dunha nave espacial con Alejandro Cardesín Moinelo, enxeñeiro e científico de Misións Planetarias. O 19 de abril, será o turno da saúde, e falarase do corazón (funcións, patoloxías e coidados) con Enrique Iglesias Río, cardiólogo no CHUAC e no Hospital San Rafael.
E por último, o 10 e 24 de maio haberá duas charlas, respectivamente, sobre as microalgas con Carmen Rioboo Blanco, profesora de Microbioloxía na Universidade da Coruña e de arquitectura sostible cos aquitectos Marcos Álvarez Montes e Susan Moriyón Romero.