A Biblioteca Municipal de Betanzos, premiada co María Moliner polos 'Paseos Librescos'

ACoruñaXa
O Ministerio de Cultura distingue unha iniciativa que une lectura e patrimonio local mediante rutas temáticas e mostras documentais
BETANZOS paseos librescos
17 Oct 2025

A Biblioteca Municipal de Betanzos vén de recibir un dos Premios María Moliner de animación á lectura do Ministerio de Cultura polo proxecto 'Os Paseos Librescos', unha proposta que relaciona a promoción lectora coa valorización do patrimonio da cidade.

A actividade arrinca na propia biblioteca cunha mostra bibliográfica comentada, na que o persoal achega aos participantes unha selección de obras e materiais. Estas exposicións adoitan incorporar documentos do Arquivo Municipal e pezas do Museo das Mariñas, o que permite contextualizar cada temática.

Despois, o público sae a percorrer as rúas de Betanzos guiado por itinerarios que recuperan historias agochadas nos libros. As rutas abordan eixes diversos —os libros, o amor, as artes, o cinema…— e convidan a redescubrir a cidade a través da lectura.

A alcaldesa, María Barral, salientou o traballo continuado do equipo da biblioteca na dinamización lectora, con recoñecementos tanto en Galicia coma a nivel estatal, e celebrou que o Ministerio incluíse esta iniciativa entre as galardoadas nesta edición.

⚙ Configurar cookies
0.073601961135864