A betanceira Xiana Seijo, convocada pola Selección Galega para o Campionato de España de Ciclocrós en Tarancón

A ciclista betanceira Xiana Seijo Sánchez vén de entrar na convocatoria da Selección Galega de ciclocross para o Campionato de España de Ciclocrós 2026, que se celebrará en Tarancón (Cuenca) do 9 ao 11 de xaneiro. A deportista do Club BTT Caimanes Betanzos forma parte do grupo elixido polo seleccionador José Alberto del Río para esta primeira gran cita estatal do ano.
Seijo acudirá co combinado galego na categoría júnior feminina, na que tamén figura Alejandra Neira Domínguez. En total, a expedición galega está composta por 21 especialistas repartidos entre categorías cadete, júnior, sub-23 e elite.
A convocatoria chega tras unha tempada na que a ciclista do Caimanes confirmou a súa progresión: no seu primeiro ano como júnior proclamouse gañadora da Copa de Galicia e asinou un subcampionato autonómico no Campionato de Galicia, ademais de entrar no ‘top 10’ nalgunhas probas da Copa de España.