A Banda Municipal empeza hoxe un ciclo de actuacións pola cidade que se prolongarán durante todo o mes

ACoruñaXa
O Concello impulsa unha ampla programación de actuacións da BMMC ao longo deste mes. Esta mesma fin de semana, o sábado 8, a Banda protagonizará un concerto especial polo 25º aniversario do Aquarium Finisterrae
Imaxe da Banda Municipal durante a súa actuación polo Día da Ciencia na Rúa
6 Xuño 2024

O Concello da Coruña por en marcha este mes a nova tempada de concertos na rúa da Banda Municipal de Música da Coruña (BMMC), que comezará este xoves o ciclo de actuacións estreando localización: será o Campo da Leña, un enclave ao aire libre que vivirá, por primeira vez, un concerto da Banda.

Desta forma, o Concello avanza no seu plan para visibilizar a tradición e traballo da BMMC entre a cidadanía, achegando a agrupación aos barrios da cidade e fomentando tamén a súa presenza a pé de rúa.

Este xoves, a Banda interpretará a partir das 20.00 horas o 'Centenario de La Leyenda del Beso', zarzuela estreada no ano 1924 no Teatro Apolo de Madrid. O programa do concerto inclúe pezas dos mestres Reveriano Soutullo e Juan Vert, compositores que, a comezos do século XX, puxeron música aos libretos de Enrique Reoyo, José Silva Aramburu e Antonio Paso. "Será un repertorio festivo, con melodías que inclúen todo tipo de rexistros", apuntou o director titular da Banda Municipal, Juan Miguel Romero Llopis.

O concerto no Campo da Leña será totalmente aberto á cidadanía, con acceso de balde.

As actuacións ao aire libre continuarán ata finais de mes

A programación do ciclo de concertos na rúa terá continuidade no Campo da Leña ao longo de todo o mes de xuño, sempre en xoves e ás 20.00 horas.

O día 13, a Banda interpretará 'O son da Banda', o día 20 será unha xornada de 'Grandes Clásicos´ e, xa o día 27, a BMMC tocará 'Festa e Foliada'.

Ademais, en xuño tamén haberá actuacións no Aquarium e nas festas da Agra do Orzán. O calendario de concertos da Banda durante este mes tamén inclúe actuacións en recintos pechados. Por exemplo, no Aquarium Finisterrae, onde este sábado 8, co gallo do 25º aniversario do museo, actuarán a Banda e a Asociación Tres por Catro ás 12.00 horas.

Xa o día 21, no Teatro Rosalía de Castro, a BMMC e Experimentadanza interpretarán o concerto 'Picasso, a ollada nas mans', que terá lugar ás 20.30 horas.

E para finalizar o mes, a Banda protagonizará unha actuación especial polas festas do barrio da Agra do Orzán. Será o día 30 de xuño (12.00 horas), no Centro Sociocultural Ágora.

0.19177412986755