A Banda Municipal de Música da Coruña ofrecerá unha gala lírica no Ágora

A Banda Municipal de Música da Coruña actuará este xoves 13 de febreiro, a partir das 20.00 horas, no auditorio do Centro Sociocultural Ágora. Trátase dunha gala lírica de acceso gratuíto na que a formación estará acompañada por oito estudantes da aula de canto do Conservatorio Superior de Música da Coruña (CMUS).
Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo, destacou a importancia desta actuación como parte do impulso cultural do Goberno de Inés Rey: “A Banda Municipal é un dos grandes expoñentes culturais da nosa cidade e, desde o Goberno, seguimos achegando a súa arte a toda a cidadanía, con actuacións especiais e singulares como a deste xoves no Ágora.”
Na gala, a Banda Municipal de Música estará dirixida por Juan Miguel Romero Llopis e contará coa participación dos estudantes do CMUS, que interpretarán composicións de dous xéneros musicais diferentes: ópera e zarzuela. A formación ofrecerá un repertorio con obras de grandes compositores como Strauss, Mozart e Gounod na parte dedicada á ópera, e zarzuelas de Chapí, Soutullo, Vert e Moreno Torroba.
A actuación forma parte do Ciclo de Inverno da Banda Municipal de Música, que engade o Ágora á súa ampla oferta de actuacións, con convidados especiais, que se celebran todos os meses no Teatro Colón.