A Banda Municipal de Música da Coruña ofrecerá 17 concertos gratuítos no Teatro Colón ata o 24 de maio

A Banda Municipal de Música da Coruña (BMMC) inicia este domingo 12 de outubro unha nova tempada coa que ofrecerá un total de 17 actuacións gratuítas no Teatro Colón, todas os domingos ás 12:15 horas e ata o 24 de maio. O concerto de apertura contará co coruñés Raúl Mirás, chelista da Orquestra Sinfónica de Galicia, como solista, e a entrada será libre ata completar aforo.
Desde o Concello destacan que a programación da BMMC busca achegar a música á cidadanía e crear sinerxías co tecido cultural local. “Desde o Concello apostamos por unha programación da BMMC cun amplo repertorio e que cree sinerxías con entidades e agrupacións culturais locais, co fin último de achegar a música e a cultura á cidadanía”, salientou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.
A programación aspira a combinar repertorio sinfónico universal coa vangarda máis actual, incluíndo varias estreas ao longo da temporada, e dá especial importancia ao patrimonio musical galego e á promoción de artistas e compositores da contorna. No proxecto participan colectivos e institucións locais como o Coro da OSG, os dous conservatorios da cidade (profesional e superior) e o Conservatorio de Danza da Coruña, ademais de colaborar con iniciativas municipais como o Festival Resis e a Semana do Cinema Galego.
A actividade pedagóxica da Banda continuará coa convocatoria do ciclo escolar ‘Vai a Banda’, que inclúe 14 concertos dirixidos a centros educativos e que na edición anterior recibiron a máis de 5.000 escolares. A BMMC participa tamén en accións de inclusión, como as programacións en Festigual, e reserva un especial protagonismo ás Letras Galegas coa presentación do drama escénico en dous actos ‘Carme, sempre túa’, sobre textos de Manuel Brey e coa colaboración da Escola de Artes Escénicas da Estrada.