A Banda Municipal de Música da Coruña actúa este domingo xunto ao director valenciano Manuel Godoy

ACoruñaXa
O Concello da Coruña promove este domingo un novo concerto da Banda Municipal de Música da Coruña (BMMC), que chega á recta final da súa tempada de primavera coa penúltima das actuacións previstas na súa programación.
Imaxe do director valenciano Manuel Godoy
6 Abr 2024

O Concello da Coruña promove este domingo un novo concerto da Banda Municipal de Música da Coruña (BMMC), que chega á recta final da súa tempada de primavera coa penúltima das actuacións previstas na súa programación.

A actuación será ás 12.15 horas no Teatro Colón, co director valenciano Manuel Godoy como protagonista. Godoy goza dun amplo percorrido profesional, recoñecido a nivel internacional. En anos previos, estivo á fronte de orquestas e bandas profesionais como a Costa Atlántica de Portugal, así como das bandas de Barcelona e Palma de Mallorca, entre outras. Agora, como convidado, dirixirá á da Coruña.

Cómpre lembrar, ademais, que non será a primeira colaboración de Godoy coa BMMC. Xa no ano 2018, coincidindo coa tempada na que se conmemorou o 70º aniversario da Banda, o director levou a batuta nun concerto que tivo lugar no Palacio da Ópera.

Composicións de Berlioz e Joaquín Turina, no programa deste domingo

O concerto estará dividido en dúas partes, con obras orixinais para Banda. A primeira abrirase cunha composición do francés Hector Berlioz, figura destacada do romanticismo, seguida por outra peza de Robert Jager.

Xa na segunda parte "destaca 'Rebroll', de Salvador Brotóns e tamén 'La Procesión del Rocío', unha estampa sinfónica descriptiva, obra de Joaquín Turina", apunta o director titular da BMMC, Juan Miguel Romero Llopis.

Como xa é habitual, o concerto da Banda Municipal previsto para este domingo 7 de abril no Teatro Colón será de acceso libre ata completar a capacidade prevista no auditorio. Desta forma, o Goberno de Inés Rey busca poñer en valor a tradición, o traballo e a cultura das principais formacións musicais coruñesas, achegándoas á cidadanía.

0.094942092895508