A Banda Municipal de Música actuará este xoves no Ágora con Antonio Barros como convidado

ACoruñaXa
O artista, oriúndo de Tameiga (Mos), será o protagonista dunha actuación na que o público asistente poderá gozar cunha programación inspirada na música de verbena
Cartel do concerto da banda municipal da Coruña no Ágora o xoves 29 de febreiro
27 Feb 2024

A Banda Municipal de Música da Coruña (BMMC) actuará este xoves 29 ao Centro Sociocultural Ágora, cun concerto, ‘Verbena sinfónica’, no que a agrupación estará acompañada polo cantante de orquestra galego Antonio Barros.

Barros, que comezou o seu percorrido artístico na orquestra Los Trovadores de A Coruña, integrou posteriormente as formacións Miramar, Stelares e Kubo, sendo recoñecido tamén pola súa participación en diversos realities e talent-shows musicais da Televisión de Galicia. Actualmente, compaxina a súa faceta como solista en verbenas cun novo proxecto, o dúo Antonio Barros e iAlma.

“Será unha velada amena e divertida, na que teremos o privilexio de contar coa presenza dun artista emerxente na escena musical galega”, expón Juan Miguel Romero Llopis, director titular da Banda Municipal. O feito de actuar conxuntamente con Barros reforza unha das liñas estratéxicas marcadas pola agrupación nesta tempada: a de achegarse a un abano máis amplo de xéneros musicais.
Como xa é habitual, o concerto da Banda Municipal e Antonio Barros, ideado para a asistencia de todos os públicos, será de acceso libre ata completar a capacidade prevista no auditorio.

A actuación deste xoves no Ágora ( que serás ás 20.00 horas) forma parte da programación do Ciclo de Inverno da Banda, que dá continuidade ao plan establecido polo Goberno de Inés Rey co obxectivo de dar a coñecer o traballo e tradición da BMMC nos barrios, unha folla de ruta a través da que se están a impulsar as actuacións da Banda nos centros cívicos municipais e no Ágora, ademais do Teatro Colón.

0.19758987426758