A Banda Municipal da Coruña rendirá homenaxe este domingo a Giacomo Puccini no centenario do seu falecemento

A Banda Municipal de Música da Coruña (BMMC) ten xa todo listo para o seu próximo concerto, que terá lugar este domingo, 15 de decembro, ás 12:15 horas no Teatro Colón. A actuación estará dedicada a conmemorar o centenario do falecemento de Giacomo Puccini, unha das figuras máis relevantes da música universal e un dos grandes referentes da ópera.
Este homenaxe, que se enmarca no ciclo de outono da Banda Municipal, reforza a programación cultural impulsada polo Goberno de Inés Rey de cara ás festas de Nadal. Como é habitual, o acceso será de balde ata completar aforo, unha estratexia que busca achegar a riqueza musical e a versatilidade da Banda á cidadanía.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou a importancia desta cita musical. "Puccini é un dos grandes mestres da escena operística de todos os tempos, e este concerto é unha oportunidade única para redescubrir o seu legado", afirmou.
Un programa que celebra a sensibilidade de Puccini
O concerto do domingo estará dividido en dous actos que levarán ao público a realizar un percorrido pola vida e obra de Puccini. A primeira parte comezará co seu 'Preludio Sinfónico', mentres que a última peza do programa será 'Turandot', a ópera que quedou inacabada debido á morte de Puccini en 1924.
O director titular da BMMC, Juan Miguel Romero Llopis, subliñou a importancia desta última obra. "Despois do falecemento de Puccini en Bruxelas, foi o seu discípulo, Franco Alfano, quen completou a partitura. 'Turandot' representa o clímax emocional e técnico do legado de Puccini, e estamos seguros de que será unha experiencia apassionante para o público", explicou.
Ademais, o concerto contará coa participación destacada de Ilia Keillin, violonchelista profesional da Banda Municipal, que asumirá un papel protagonista como solista durante o primeiro acto.
Preámbulo do concerto de Nadal
O concelleiro Gonzalo Castro aproveitou para convidar á cidadanía a asistir a este homenaxe e destacou o éxito que está a ter a programación da Banda entre o público. Como exemplo, mencionou a última actuación da formación no Teatro Colón, dirixida pola valenciana Beatriz Fernández Aucejo, que cualificou de "rotundo éxito".
O concerto do domingo servirá tamén como preámbulo do tradicional concerto de Nadal da BMMC. Segundo adiantou o seu director, Juan Miguel Romero Llopis, a actuación de Nadal estará "cargada de sorpresas" e porá un broche especial á programación deste ano.