A Banda Municipal da Coruña prepárase para unha gran cita con Óscar Navarro

ACoruñaXa
Navarro forma parte da Academia del Cine Español e dos Latin Grammy como membro activo
banda-municipal-coruña
13 Mar 2025

A Banda Municipal de Música da Coruña (BMMC) protagoniza este domingo 16 de marzo un dos momentos máis destacados do Ciclo de Inverno cun concerto dirixido polo recoñecido director e compositor alacantino Óscar Navarro. Con ampla formación entre España e os Estados Unidos, Navarro forma parte da Academia del Cine Español e dos Latin Grammy como membro activo. O director, oriún de Novelda, acumula máis de vinte galardóns ao longo da súa carreira, ademais dunha nominación aos Goya en 2014 pola banda sonora de La mula.

Neste contexto, o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, salientou a calidade e diversidade da programación da Banda Municipal, “que está a abrir o seu abano de xéneros e colaboracións, con experiencias moi positivas, tanto con artistas internacionais como do país, consagrados e emerxentes, unha filosofía á que lle daremos continuidade no concerto desta fin de semana”.

O director titular da Banda Municipal, Juan Miguel Romero Llopis, explicou que, dentro da tempada sinfónica da BMMC, “sempre contamos cun monográfico sobre un director e compositor vivo, o que facilita o convite para que dirixa as súa propias obras”. Nesta ocasión, Navarro, “unha figura mediática que chega nun punto moi doce do seu percorrido profesional”, será o convidado especial da Banda.

Como xa é habitual, o concerto deste domingo 16 terá lugar no Teatro Colón ás 12.15 horas e será de acceso libre ata completar a capacidade do auditorio.

O coruñés Daniel Vlashi, protagonista como solista de violín

Outra das figuras destacadas nesta actuación será o coruñés Daniel Vlashi, quen participará como solista de violín no primeiro bloque do programa musical da xornada. Vlashi, que está a iniciar a súa traxectoria como violinista na Filharmónica de Berlín, leva a música no seu ADN. O seu pai, Florian, é un dos violinistas da Orquestra Sinfónica de Galicia, mentres que a súa nai, Rediana, cellista, traballa como profesora de música.

 

⚙ Configurar cookies
0.46982717514038