A Banda Municipal da Coruña pecha o ciclo estival cun concerto con alumnado de ‘Vai a Banda’

A Praza da Tolerancia acolle unha nova actuación da Banda Municipal de Música da Coruña (BMMC), continuando así o seu ciclo estival de concertos ao aire libre. Nesta ocasión, o espectáculo terá un carácter especial ao contar coa participación do alumnado do proxecto didáctico e participativo ‘Vai a Banda’, que este ano reuniu a máis de 5.000 escolares de toda Galicia.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou que durante o mes de abril “houbo máis de 14 pases musicais coa participación de multitude de alumnas e alumnos dos centros educativos, o que permitiu achegar as novas xeracións á historia e tradición da Banda, algo fundamental para ir creando un sentimento de pertenza e agarimo cara ás nosas agrupacións”.
Tras a celebración da tradicional Festa dos Porcos o pasado fin de semana, o barrio de Labañou será escenario mañá dun novo encontro festivo coa actuación da BMMC, que servirá como peche do proxecto ‘Vai a Banda’. Nesta ocasión, participarán rapazas e rapaces dos colexios Eusebio da Guarda, Sagrado Corazón-Franciscanas e Liceo La Paz.
O concerto será ao aire libre, aberto á cidadanía, e dará comezo ás 20.00 horas. Profesionais da Banda, xunto co alumnado seleccionado, interpretarán un repertorio variado que incluirá pezas de distintos xéneros e autores, entre eles cancións das Fillas de Cassandra e Nil Moliner, entre outros.
Juan Miguel Romero Llopis, director titular da Banda Municipal, sinalou que “será unha actuación preciosa e divertida, moi festiva, na que poremos en valor as rapazas e rapaces que estiveron connosco no desenvolvemento do ‘Vai a Banda’. Como solistas, amosaranlle ao público todo o que aprendemos xuntas e xuntos nos concertos para escolares”.