A Banda Municipal da Coruña inaugura cun concerto especial a tempada estival de actuacións na rúa

A Banda Municipal de Música da Coruña (BMMC) dá o pistoletazo de saída á súa nova tempada de concertos ao aire libre cunha actuación moi especial no Acuartelamento de Atocha. Será un evento único, no que colaborará por primeira vez coa Unidade de Música do Cuartel do Mando de Apoio á Manobra.
“O Goberno de Inés Rey avanza no seu plan para visibilizar a tradición e traballo da BMMC entre a cidadanía, achegando a agrupación aos barrios da cidade e fomentando tamén a súa presenza a pé de rúa”, destacou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro.
A cita ten lugar a partir das 20.00 horas, con entrada libre para toda a cidadanía. No programa figuran obras de compositores como Óscar Navarro, Christiaan Janssen, Faustino del Río e a emblemática ‘Sinfonía Fantástica’ de Hector Berlioz.
A tempada continuará o xoves seguinte, tamén ás 20.00 horas, cunha actuación na Praza da Tolerancia. Trátase da clausura do ciclo Vai a Banda, aprazado pola chuvia durante o Día da Ciencia na Rúa. Nesta ocasión, a BMMC contará coa participación dalgún do alumnado que formou parte do proxecto educativo.
O xoves 26 de xuño, a Banda volverá ao Campo da Leña, un dos espazos ao aire libre máis emblemáticos das súas actuacións recentes. E o mes pecharase o domingo 29 ás 12.00 horas, cando a formación dirixida por Juan Miguel Romero Llopis actúe no auditorio do Centro Sociocultural Ágora dentro do programa das festas do Foliagra, no Agra do Orzán.
Todos os concertos serán gratuítos e forman parte do compromiso do Concello coa dinamización cultural dos barrios e a promoción da música en directo como ferramenta de cohesión e participación social.