A Banda Municipal da Coruña actúa no Festival RESIS cunha viaxe musical entre Galicia e Norteamérica

A Banda Municipal de Música da Coruña (BMMC) regresa, este 8 de maio, ao Teatro Colón, cun concerto especial enmarcado na nova edición do Festival de Música Contemporánea RESIS. A actuación levará ao público nunha viaxe sonora entre dúas beiras do Atlántico, fusionando músicas tradicionais galegas e norteamericanas cun enfoque vangardista.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, salientou o valor deste encontro musical como “moi interesante en termos de fusión de estilos”, ao tratarse dunha proposta que parte de composicións populares e tradicionais para crear música de vangarda.
O concerto estará dividido en dous bloques temáticos. O primeiro centrarase na tradición musical norteamericana coa interpretación da Country Band March de Charles Ives. Segundo explicou o director titular da BMMC, Juan Miguel Romero Llopis, Ives é “un creador de tendencias que, sendo neno, escoitou na súa infancia estas marchas concibidas para bandas populares e pasodobres americanos”.
No segundo bloque, a atención desprazarase a Galicia coa estrea en Galicia da peza As marxes, unha creación do compositor coruñés Mario Cortizo. Acompañado sobre o escenario por Adolfina e Rosa Casás, Asunción Garrido, Manuel e Teresa Lema, Cortizo mesturará a música tradicional das cantareiras coa forza sonora das bandas populares, unindo distintas xeracións e sensibilidades musicais.
A programación completarase coa recuperación dunha obra emblemática de Rogelio Groba. A Banda interpretará Cruñesas, unha composición dos anos setenta inspirada nas muiñeiras galegas, co que se renderá homenaxe ao legado do recoñecido compositor.
Gonzalo Castro animou á veciñanza a asistir ao concerto, que será de acceso libre ata completar a capacidade do Teatro Colón. “Unha oportunidade única para gozar da tradición e a modernidade nun mesmo escenario”, destacou.