A Banda Municipal actúa hoxe no Colón xunto ao trompetista galego Manuel Fernández
A Banda Municipal de Música da Coruña (BMMC) volve este domingo 25 ao Teatro Colón co concerto ‘Músicas desde o corazón’, co que a agrupación busca achegar á cidadanía unha experiencia sensorial en todos os sentidos, con pezas cargadas de emotividade e sentimento.
Como xa é habitual, o concerto da Banda Municipal será de acceso libre ata completarse a capacidade prevista no auditorio. A actuación forma parte do Ciclo de Inverno da Banda, unha programación coa que o Concello busca dar continuidade ao plan do Goberno de Inés Rey para achegar a cidadanía á calidade artística da BMMC, “captando novos públicos e traballando un amplo abano de xéneros musicais”, expón o concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro.
É precisamente isto, amosar a súa variedade de rexistros, o que impulsa o concerto da Banda para esta fin de semana, dividido en dúas partes. A primeira abrirase coa ‘Smetana Fanfare’ do compositor moldavo Karel Husa, seguida dunha peza para trompeta en tres movementos, coa que a Banda recuperará a figura do compositor estadounidense David R. Gillingham. “Está baseada nun poema sobre a bandeira nacional dos Estados Unidos, con sons que simbolizan a nobleza, vitoria e emotividade”, apunta Juan Miguel Romero Llopis, director titular da Banda.
Nesta parte do concerto cobrará protagonismo Manuel Fernández, membro da Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) que, como solista de excepción, será o trompetista convidado á sesión deste domingo. A presencia de Fernández, músico galego oriúndo de O Rosal, reforza a xa estreita relación entre a Banda Municipal e a Orquestra Sinfónica de Galicia.
Xa a continuación, na segunda parte da actuación, iniciarase coa obra ‘Cardiofonía’, do director Andrés Valero-Castells. Desta forma, a Banda réndelle homenaxe ao que foi o seu director titular anos atrás. “É unha peza singular, que cos seus sons describe o corazón dunha nai no tránsito e evolución que hai no proceso de nacemento dunha crianza. Os instrumentos marcan o pulso e tamén os latexos”, indica Llopis.
Xa como peche, a Banda interpretará unha das suites do ballet ‘Romeo e Xulieta’, inspirado na obra homónima de William Shakespeare, e que o compositor ruso Serguéi Prokófiev trasladou ao eido musical na década dos trinta.