A Banda Municipal actúa este domingo no Teatro Colón cun concerto de Ígor Stravinski

ACoruñaXa
A actuación da Banda Municipal, que comezará ás 12.15 horas, será de acceso libre ata que se complete a capacidade prevista no auditorio
Banda-Municipal-Coruña
27 Xan 2024

Banda Municipal de Música da Coruña volve este domingo 28 de xaneiro ao teatro Colón ás 12.15 horas, no que será o segundo concerto da agrupación desde comezos de ano. 'O paxaro de lume' inclúe tres pezas encadradas no xénero da música de danza.

O concerto da Banda Municipal previsto este domingo 28 no Teatro Colón será de acceso libre ata se completar a capacidade prevista no auditorio. Nesta cita, Juan Miguel Romero Llopis, volve poñerse ao mando da formación musical coruñesa, que ao longo do ano inclúe na súa programación tanto artistas como directores convidados.

A denominación do concerto baséase na suite sinfónica do ballet homónimo do compositor ruso Ígor Stravinski, un dos músicos máis importantes e influentes do século XX. A peza, creada por Stravinski hai máis dun século, deuse a coñecer no ano 1910, cando os Ballets Rusos de Diáguilev estrearon a composición na Ópera de París.

"Stravinski cambiou o rumbo da historia da música, e condicionou aos compositores que chegaron tras del. Este ballet, o primeiro dos tres que compuxo, deuno a coñecer a el e tamén supuxo a súa consagración en París, a cidade de referencia para a música a nivel mundial por aquel entón", explica Juan Miguel Romero Llopis, director titular da BMMC.

O programa comezará cunha das pezas angulares do repertorio da banda, 'Dionysiaques', do compositor francés Florent Schmitt, coetáneo de Stravinski, e coa 'Danse Satanique' do tamén compositor galo Alexandre Kosmicky, que pecha a primeira parte do concerto. Xa na segunda parte interpretarase precisamente 'O paxaro de lume', de Stravinski, unha peza que está dividida en sete movementos.

 

0.19032502174377