A banda municipal actúa este domingo no Ágora coa pianista Helena García como solista

ACoruñaXa
A Banda Municipal da Coruña actuará con Helena García, formada no Conservatorio Superior de Música da Coruña, quen será a gran protagonista da peza central da actuación, unha composición do estadounidense Leroy Anderson
Imaxe da bada municipal da Coruña
10 Mar 2024

O Concello organiza esta fin de semana un novo concerto da Banda Municipal de Música da Coruña (BMMC), que pecha a súa programación do Ciclo de Inverno co 'American Piano Concerto', unha actuación moi especial que viaxará ás orixes e diversidade de xéneros musicais dos Estados Unidos.

O eventto musical será este domingo 10 ás 12.15 horas, no Centro Sociocultural Ágora e acceso será libre ata completar aforo. O concerto inclúe un repertorio variado que lle permitirá ao público asistente gozar con ritmos asociados ás raíces do jazz. “Máis está previsto tocar multitude de xéneros pola amplitude da música americana”, apunta o director titular da BMMC, Juan Miguel Romero Llopis. O programa da actuación, estruturado en dúas partes, comezará cunha obertura de Philip Sparke, e irá seguido dunha peza para piano, composta por Leroy Anderson.

A gran protagonista do concerto será a pianista Helena García (Neda, 2001), unha profesional cunha importante proxección que foi a gañadora do concurso de interpretación do Conservatorio Superior de Música da Coruña (CSM), o que a habilitou para actuar esta fin de semana coa BMMC, como premio.

Helena García, que iniciou os seus estudos de piano no conservatorio Xan Viaño, de Ferrol, continuou a súa formación no CSM, con Javier Ares. Foi entón cando tivo a oportunidade de participar en diversos concertos coa BMMC. Actualmente, García está a ampliar a súa formación en Maastricht (Países Baixos) con Katia Veekmans, grazas a unha bolsa Erasmus, e tamén iniciou os seus estudos de pedagoxía musical no CSM da Coruña.

A segunda parte do concerto comezará coa peza 'Blue Lake', do compositor americano John Barnes Chance, e pecharase cunha suite de danza de Robert Russell Bennett, inspirada nas antigas danzas estadounidenses.

 

0.11377286911011