A Banda de Música da Coruña presenta o seu ciclo de outono

ACoruñaXa
O ciclo de outono comezará este domingo, 13 de outubro, ás 12.15 horas no Teatro Colón, coa actuación da BMMC xunto a Abe Rábade ao piano e Laura Lorenzo á frauta alta
presentacion-programa-banda-a-coruña
11 Out 2024

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, acompañado polo director da Banda Municipal de Música da Coruña, Juan Miguel Romero Llopis, presentaron a programación do ciclo de outono da formación, que inclúe seis actuacións singulares entre outubro e decembro.

“O cariño e respecto que senten os coruñeses e coruñesas pola súa Banda Municipal non vive do simbolismo nin do pasado, senón dun traballo constante, que sempre busca a excelencia e procura, ano a ano, mellorar no seu labor e abrir novos camiños, rexeitando por sistema caer en rutinas ou en rendas, por iso cada nova temporada da Banda Municipal é distinta á anterior, e seguramente mellor”, sinalou Gonzalo Castro, que apuntou que a BMMC é “unha das institucións culturais máis queridas da cidade”.

O director da BMMC sinalou que o principal obxectivo da programación artística da BMMC é ofrecer mediante a excelencia artística; un mosaico de rexistros que abarcan desde o repertorio sinfónico universal, ata a máis presente vangarda con varias estreas na presente tempada. Todo iso cun eixo vertebrador como é o compromiso con Galicia e coa Coruña, co seu patrimonio tanto musical como de elenco de artistas e compositores, así como de figuras emerxentes do ámbito da composición ou a interpretación.

Agrupacións como a coral polifónica El Eco, Cántigas da Terra ou institucións musicais como os dous conservatorios, o profesional e o superior e unha colaboración co Conservatorio de Danza de Coruña son boa mostra da inclusión dos axentes musicais da Coruña neste proxecto musical. Igualmente a formación vén participado en todas as iniciativas que organiza ou nas que colabora o Concello desde a Concellaría de Cultura e Turismo: EMHU, Festival Resis, Semana do Cinema Galego ou Viñetas desde o Atlántico.

Con respecto ao ciclo de outono, a principal actividade sinfónica centrarase no Teatro Colón onde se realiza practicamente a totalidade da tempada sinfónica, pero tamén forma parte importante da programación o Centro Sociocultural Ágora, ou puntualmente o Palacio da Ópera.

“A programación que presentamos volve a adentrarse na vangarda, sen perder o clasicismo máis popular, e mantén o ADN histórico da formación, a de ser un referente coruñesista e galeguista, o gran difusor da cultura e a música galega que temos na cidade, especialmente entre os máis novos, como ocorrerá de novo cos concertos escolares, que reúnen a centos de rapaces, así como coa súa función máis solidaria, dentro do Festigual”, dixo Gonzalo Castro.

O ciclo de outono comezará este mesmo domingo, 13 de outubro, ás 12.15 horas no Teatro Colón, coa actuación da BMMC xunto a Abe Rábade ao piano e Laura Lorenzo á frauta alta como convidados. Ademais, Romero Llopis destacou dentro da programación a zarzuela galega ‘A lenda de Montelongo’, de 1924, coa música de Bernardo del Río sobre o libreto de Manuel Rey Posse e Juan Buhigas Olavarrieta.

0.20006680488586