A banda coruñesa Solos protagoniza unha nova entrega de As Tardes do Alfar en Oleiros

O ciclo de concertos ao aire libre As Tardes do Alfar continúa este xoves 24 de xullo no parque das Torres de Santa Cruz cun novo recital que terá como protagonista á banda coruñesa Solos, unha formación con case vinte anos de traxectoria no panorama do pop-rock estatal.
A cita arrancará ás 19:00 horas cunha demostración en vivo de olería a cargo do ceramista Alberto Añón, unha actividade xa consolidada como preludio cultural da música en directo neste microfestival. A partir das 20:00 horas, será a quenda de Solos, que chega cun repertorio no que destaca o seu último EP, La Tristeza Alternativa, editado en 2021, e co que a banda se reafirma como unha proposta rompedora e innovadora.
Formada en 2007 por Juan Pedre (voz) e David Grela (guitarra), a banda viviu unha primeira etapa con sona dentro do rock español, ata un período de pausa tras o cal regresaron con nova formación e renovadas enerxías. Ao núcleo fundador sumáronse Gonzalo Mosquera (baixo), Johnny Bello (guitarra e teclados), Alex Rey (batería) e o saxofonista Pablo Añón, cuxa colaboración destaca nos directos recentes.
O seu son, cunha produción chea de personalidade, bebe do mellor rock estatal e mantén unha aposta clara pola calidade sonora e a conexión co público. En temas como De Farol, co que adoitan pechar os concertos, é xa habitual escoitar ao público coreando, sinal do crecemento dunha banda que volve con forza aos escenarios.
As Tardes do Alfar consolídase así como unha das propostas culturais máis singulares do verán en Oleiros, combinando música e artesanía nun espazo natural único.